Skip to main content
Axenda Caducada

Proxectan en Guitiriz o documental sobre Luz Fandiño

Por 25 Novembro, 2021Novembro 27th, 2021Sin comentarios

Este sábado 27 de novembro proxectarase en Guitiriz o documental A Poeta Analfabeta, unha peza audiovisual que retrata á poeta, activista, feminista, nacionalista e revolucionaria Luz Fandiño. A Casa Habanera da localidade acollerá ás 17 horas esta cita programada.

Aos seus 89 anos, Luz Fandiño é unha das voces vivas da emigración galega, que retornou nunha situación económica de vulnerabilidade pero acompañada dunha fonda consciencia da súa identidade, lingua e xénero. Luz é testemuña viva dos momentos máis duros do século XX, por ser muller, emigrante, pobre e “roja”. A súa historia de vida, a súa loita política e a súa obra poética convértena nun referente cuxo legado é tremendamente valioso.

Este retrato documental reflicte a realidade dunha muller que nunca renunciou aos seus ideais, transmitidos pola súa nai e a súa avoa. Aínda hoxe segue a pensar que “o pobo vencerá”, depositando unha confianza plena no poder de transmisión da palabra. A directora, Sonia Méndez, afirma que “fixemos este traballo para descubrila ao mundo, pero tamén para facer xustiza ás mulleres bravas e decentes como ela”.

A través da voz e das vivencias da protagonista poderase ver un espello da sociedade galega do pasado, presente e futuro, polo que desde a Vicepresidencia animan a acudir á Casa Habanera de Guitiriz para ver o documental e ter tamén a oportunidade de escoitar e conversar con Luz Fandiño no coloquio posterior.