Skip to main content
Lugo

O Concello de Lugo resposta ao PP polo carril bus da rúa Montevideo

Por 16 Novembro, 2021Xuño 21st, 2023Sin comentarios

O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, respostou á proposta do Partido Popular respecto ao carril bus da rúa Montevideo. Penas explicou que “desde o goberno de Lugo traballamos para reducir o número de vehículos a motor que circulan polo interior do recinto amurallado, e estamos a facer un importante esforzo en aumentar os espazos peonís destinados ao desfrute da veciñanza”.

O Partido Popular propuxo unha solución “rápida, sinxela e sen un gran custe para as arcas municipais que facilitaría a carga e descarga para a hostelería e o comercio no casco histórico”. Os populares respaldan a petición que lle trasladaron distribuidores que operan en Lugo para que se substitúa o carril bus da rúa Montevideo por un carril para carga e descarga “esperemos que sexan sensibles e dado que o pico de actividade máis importante do ano é agora en Nadal sería importante axilizar este cambio”.

O edil de Infraestruturas afirmou que “eliminar o carril bus da rúa Montevideo suporía aumentar o tráfico itinerante na zona e dificultar que a veciñanza chegue en bus ao centro da cidade”. Alexandre Penas destacou que “desde o goberno de Lugo queremos eliminar este tipo de tráfico na contorna do centro da cidade”.

“Trátase de vehículos que circulan dando voltas buscando un aparcamento inexistente na maior parte dos casos”, explicou Alexandre Penas, que engadiu “os distintos servizos de reparto teñen o acceso garantido ás zonas de carga e descarga do centro, que foron reformadas nos últimos meses para garantir mellores horarios de acceso para os profesionais e menos vehículos nas horas de maior afluencia peonil”.