Skip to main content
Lugo

A limpeza busca un lavado de cara

Por 28 Novembro, 2021Decembro 20th, 2021Sin comentarios

A limpeza dunha cidade xunto coa recollida de lixo é un aspecto de gran importancia para que a calidade de vida de veciños, veciñas e do medio ambiente sexa a mellor posible. Así mesmo, é tamén un aliciente para o crecemento do turismo e unha posterior mellora económica.

A cidade de Lugo conta cun servizo de limpeza, recollida e transporte de residuos sólidos que se leva a cabo a través da empresa adxudicataria Urbaser. Esta, xunto co concello, traballan para levar a cabo actuacións nas que se respecte e mellore o contorno da cidade onde vivimos. Desta maneira, segundo o Concello de Lugo, a recollida selectiva de papel, vidro e envases realízase de forma regular. Ademais, a cidade conta con máis de 3.200 papeleiras e máis de 3.000 contedores de residuos orgánicos, papel e cartón e vidro para garantir a reciclaxe.

Así mesmo, na actualidade cóntase cunha frota de máis de 40 vehículos -entre os que se atopan camións de recollida e maquinaria de limpeza- dotados cunha maquinaria moderna para cumprir o servizo. No caso dos operarios, cóntase con máis de 130 operarios para a recollida e limpeza diaria. Este traballo viario organízase por sectores que limpan de forma diaria ou en frecuencia alterna para ofrecer o mellor servizo posible. Desta maneira, dende o concello sinalan que cada operario limpa unha media de 3.000 metros de rúa e beirarrúa en cada quenda.

Por outra beira, Lugo conta con un servizo de recollida de mobles e outros elementos que foi ampliado e reforzado pola concellería de Medio Ambiente. De esta maneira, o servizo comezou a funcionar en xuño de este ano 2021 co fin de reducir mobles e outros elementos que se depositan na vía pública. De feito, é algo que se demandou dende os veciños e veciñas a causa do incremento que se produciu desta práctica.

Por iso, a actuación amplía persoal, maquinaria e horario de recollida, entre os que se atopa un condutor e un peón que levan un camión brigada con plataforma elevadora de luns a sábado de 7 a 13.30, así coma outro condutor e peón que levan un camión brigada de caixa aberta con pluma, que aumenta o servizo diario de recollida de luns a venres.

Este servizo é totalmente gratuíto e para empregalo, é preciso chamar ao número de teléfono 982 254 483 en horario de oficina. Unha vez feita a petición, os traballadores indicarán o día e a hora na que pasarán para recoller os residuos precisos.

Ademais de este servizo, todas aquelas persoas que o prefiran, poderán levar os residuos de maneira particular e gratuíta ao punto limpo do concello, situado no polígono industrial do Ceao. O horario é de luns a sábados de 10.30 a 13 horas e de 16 a 20 horas.

Dende o Concello de Lugo informan que os residuos que se poden depositar englóbanse en dous grupos. Por un lado, os residuos domésticos perigosos, coma as pilas, baterías, aerosois, fluorescentes, botes de pintura e aceites minerais, entre outros. Por outra beira, atópanse os residuos domésticos especiais, nos que se atopan a madeira, os restos das podas, os electrodomésticos, mobles, roupa, plásticos, etcétera. Así mesmo, hai que lembrar tamén que os residuos domésticos ou industriais, coma a materia orgánica, os residuos radioactivos ou os pneumáticos non se poden tirar en ningún caso.

Os residuos que se levan ao punto limpo teñen limitación xa que, segundo o Concello, búscase que non se empregue coma centro de xestión de residuos industriais. Por esta razón, regúlase o número e o peso de moitos dos residuos. Por poñer algún exemplo, tan só se poden tirar 5 litros de aceite de motor ou de aceites vexetais. No caso de electrodomésticos ou tóners o máximo será de dúas unidades.

LIMPEZA DE LUGO EN FESTEXOS. Hai que ter en conta, que non sempre se emprega o mesmo dispositivo de limpeza na cidade, xa que en moitas ocasións e, sobre todo, en datas sinaladas, é preciso aumentalo para que a imaxe da cidade non se vexa prexudicada.

De feito, na última festa de San Froilán, celebrada o mes pasado, a área de medio ambiente do Concello de Lugo preparou un dispositivo especial para o aseo viario e a recollida de lixo. Por esta razón, intensificáronse os traballos de limpeza de sumidoiros e arquetas na zona do parque, do centro e dos seus arredores, onde tamén se realizou limpeza de pintadas coa finalidade de “amosar a nosa mellor imaxe”.

Desta maneira, dende o Concello sinalaron o feito de pór reforzos tanto humanos coma materiais nos operativos de mañá e tarde no recinto feiral, así como o aumento na contorna do número de colectores unido ao paso dun recolector que funcionou a partir das 6 horas para retirar o lixo de bares e restaurantes.

Ademais, decidiuse incidir nas zonas nas que se agardaba unha maior afluencia de público a causa da programación para que os traballos quedaran rematados ás once da mañá e o lixo non supuxera un problema para a veciñanza e para posteriores actuacións. Así pois, a xornada laboral do persoal comezaba ás 4 horas e o recinto feiral, xunto co casco histórico e outras zonas con máis afluencia, contaran con dez peóns máis pola mañá que se distribuían en relación ás necesidades do servizo.

Polo seu lado, Cidadáns sinalou que neste pasado período de festas, o Concello de Lugo recibiu numerosas queixas veciñais a causa da falta de limpeza realizada. De feito, sinalan que é unha problemática que sucede ao longo do ano e que quedou reflexada de forma máis acusada neses días de festexos. Desta maneira, consideran que hai que dimensionar o servizo de forma correcta o antes posible para cumprir coas necesidades de veciños e veciñas.

BOTELLÓNS. Os botellóns son outro dos puntos críticos que se están vendo dende que comezou a volta á normalidade despois do confinamento. O Partido Popular, neste sentido, lamenta que houbo días nos que non se preveu un dispositivo especial de limpeza para poder recoller o lixo xerado por botellóns, algo que degrada a cidade e fai unha mala publicidade da mesma.

Comportamentos incívicos da cidadanía que, “unido á falta de implicación e previsión por parte do concello” provoca que non existan solucións claras para atallar este problema.

A isto, o Concello de Lugo defende que se activan dispositivos de limpeza de botellón nos lugares da cidade onde se soen producir, sen embargo, este servizo especial non se pode levar á totalidade do municipio. Ademais, engadiuse que é unha loita que xera problemas de convivencia coa veciñanza ao que lle hai que unir a gran cantidade de residuos e lixo que se xera.

QUEIXAS DOUTROS PARTIDOS. Dende o Partido Popular, polo seu lado, denuncian o mal estado dos colectores en diferentes rúas e barrios da cidade. Ademais, sinalan “dado que o contrato do lixo aínda vai para largo, dende o PP reclamamos que se faga unha compra de colectores novos así coma de pezas para reparar aquelas unidades que teñan amaño”.

Así pois, consideran que é preciso que se saque a licitación a compra de 200 colectores, xunto con outros recambios para reparar outro tipo de pezas que se atopen avariadas. Ademais, consideran que “cada vez que entra unha petición veciñal para que lles reparen ou cambien o colector da súa rúa, respóndeselles dando largas e dicíndolles que teñan paciencia e que esperen a que se concreto o novo contrato do lixo”.

Por esta razón, sinalan que é unha adquisición urxente para mellorar o servizo xa que é un problema que pode ter consecuencias para a “salubridade pública”. Dende o Partido Popular engaden que o contrato de lixo e limpeza de Lugo leva caducado dende o 2017, cuestión que tamén denunciou Cidadáns e que consideran primordial. Así mesmo, dende a formación laranxa engadiron que a consecuencia da “inacción”, fai que veciños e veciñas teñan que sufrir os inconvenientes dunha “cidade sucia xunto cun servizo de recollidas desfasado ao que se une unha alarmante incapacidade para completar o proceso de reciclaxe dos seus residuos”.

Por outra beira, defenden que existe unha falta importante de puntos de recollida e denuncian que ao longo do 2020 se repuxeran 27 colectores dos máis de 3.500 que existen no municipio, algo que consideran insuficiente.

ESCOBA DE PLATA 2008. O premio Escoba de Plata é un recoñecemento que se organiza dende o ano 1987 e que serve para dar a coñecer boas prácticas de limpeza das diferentes cidades, así coma unha xestión de residuos destacable e a elaboración de proxectos e desenvolvemento de tecnoloxías que consigan unha xestión sostible no medio ambiente.

Así pois, Lugo recibiu este recoñecemento en 2008 a causa da traxectoria que tiña na cidade o servizo de recollida de lixo e o mantemento da limpeza das rúas. Así mesmo, tamén se destacaba a concienciación e o bo facer da cidadanía que, unida aos recursos e aos traballadores suficientes, lograron que Lugo destacara pola súa limpeza e boa imaxe, unha cuestión que non se volveu repetir.

Este premio tan só se recolleu na cidade unha vez e foi grazas, entre outras cuestións, ao soterramento de colectores, ao plan de renovación de papeleiras, ao cambio de sistema de recollida de lixo e á creación do Punto Limpo no ano 2006, un servizo que na actualidade xera moitas queixas sobre o seu funcionamento.