Skip to main content
Becerreá

O Concello de Becerreá tramita un Expediente de Despedimento Colectivo ao GES

Por 25 Novembro, 2021Novembro 26th, 2021Sin comentarios

O Concello de Becerreá leva adiante a tramitación dun Expediente de Despedimento Colectivo, conforme ao previsto nos artigos 51 e seguintes do Estatuto dos Traballadores, que afecta ao persoal adscrito ao Grupo de Emerxencias Supramunicipal, con fundamento en causas organizativas estando previsto que o día 25 de novembro de 2021, se inicie o período de consultas do citado procedemento cos representantes unitarios do persoal laboral da Entidade.

O Alcalde de Becerreá afirma “Véxome na obriga de iniciar este expediente, primeiro pola actitude da Directora Xeral de Administración Local que xa respostou á miña comunicación negando a subrogación do persoal noutro concello algo polo que vou seguir pelexando e que creo que me apoia a normativa vixente que o Concello pensa aplicar e á Dirección Xeral non lle vai quedar máis remedio que tamén. O segundo motivo é o de que dende o ano 2012 non se pode acodir a unha suspensión temporal do contrato de traballo (ERTE) que antes permitiía o Estatuto dos Traballadores pero que a reforma introducida polo Real Decreto Lexislativo 3/2012, de 10 de febreiro, de medidas urxentes para a reforma do mercado laboral, impediu para as Administracións Públicas”.

Ademais recordou “cando esta Alcaldía estudou a adhesión ao primeiro Convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias e as Deputacións Provinciais en materia de emerxencias e prevención e defensa contra incendios forestais, para a implantación dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais, adhesión finalmente efectuada por Resolución desta Alcaldia de data 28 de maio de 2013, prantexouse moitas cuestión acerca da solución dada pola Xunta de Galicia para completar o mapa de emerxencias cuestión que só compete a esa administración autonómica e na que o Concello de Becerreá está a colaborar. A creación dun servizo municipal de protección civil e a xestión das emerxencias, corresponde aos municipios de máis de 20.000 habitantes. (Artigo 27 da Lei 5/2007 do 7 de maio, de emerxencias de Galicia) non sendo o caso do Concello de Becerreá.

Manuel Martínez sinala que “a solución dos GES interesaba aos concellos, non desde o punto de vista do exercicio de competencias municipais das que carece (Becerreá e un concello de menos de 20.000 habitantes), senón por garantir os dereitos dos veciños reducindo as diferenzas existentes entre vivir nun entorno urbán ou rural. A situación económica do Concello de Becerreá, naqueles momentos era de cumprimento das recén establecidas regras fiscais (hoxe suspendidas por mor da pandemia da Covid 19 ata 2022)”.

É importante destacar que os GES non son estruturas permanentes nos organigramas dos Concellos pois con eles non contan máis que 24 concellos en toda Galicia e mesmo desapareceron en varios dos concellos que inicialmente se adheriron aos convenios.

O rexidor lembrou que “só a Xunta de Galicia, as Deputacións Provinciais ou, no seu caso, as mancomunidades de municipios son as administracións competentes para prestar servizos supramunicipais pero en ningun caso o é o Concello de Becerreá que non obstante presta servizos na Zona dos Ancares, Lugo e Sarria que comprende, co Convenio actualmente vixente, os concellos de Becerreá, Baralla, Cervantes, Navia de Suarna, As Nogais, Triacastela e Pedrafita”.

Tamén lamenta que “esta alcaldía non pode seguir mantendo un servizo para o que carece de competencia e aínda que non se trata de invocar causas económicas, si que certamente as achegas económicas do Concello, limitadas sobre o papel, sempre acaban sendo de maior importe. Pese as achegas económicas para o seu sostemento por parte da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial de Lugo, supuxo para a organización municipal asumir un incremento de obrigas económicas que levan aparellado un desequilibrio orzamentario sen que as actividades desenvoltas supoñan unha maior cobertura efectiva dasnecesidades e funcións que debe atender o Concello das denominadas competencias propias que ningunha outra administración vai vir atender”.

Durante o período comprendido entre o ano 2013 e o ano 2021 asináronse varios convenios, estes non cubriron as expectativas inicialmente previstas debido ao desacompasamento entre gastos e ingresos polo excesivo proceso de xustificación de axudas que impediron a súa completación no exercicio do gasto e a que as achegas municipais non se axustaron aos cálculos inicialmente prantexados.

O Alcalde subliña que “durante estes nove anos o Concello aportou 331.287,36 euros, 157.039,61 euros por riba do sinalado como achega municipal nos propios convenios”.

O comunicado remata sen esquecer “que a xestión de persoal, correspondendo a esta Alcaldía a súa xefatura, tamén se complica cando se trata de ser exercida sobre unha cadro de persoal duplicada. Son estas circunstancias as que abocan á unha decisión de reorganización das prioridades e á adopción da decisión de non asinar o novo convenio que terá que substituír ao que finaliza o vindeiro 31 de decembro”. E recordando que o Concello “non vai deixar de loitar polo mantemento do GES e polo tanto dos postos de traballo pero implicando a todos pois non é só unha cuestión do Concello de Becerreá”.