Skip to main content
Lugo

Entrevista: “A Milagrosa é un barrio con moita vida, con moito orgullo de si”

Por 7 Novembro, 2021Novembro 9th, 2021Sin comentarios

Valentín Arias, presidente da Asociación de Veciños da Milagrosa, comenta as necesidades do barrio, así coma a evolución nos últimos anos

O barrio da Milagrosa é un barrio que foi evolucionando co paso do tempo e que cumpre este ano o seu 75 aniversario. Actualmente, é o barrio máis habitado de Lugo -con máis de 20.000 residentes- onde moitas son as persoas que fan vida nas súas rúas. Así mesmo, hai que destacar que o barrio foi cambiando co paso do tempo, coas diferentes propostas de veciños e veciñas que vían e sentían os problemas que aparecían.

Na actualidade, como comenta o presidente da Asociación de Veciños da Milagrosa, Valentín Arias, son precisas algunhas actuacións para que o barrio continúe coa súa mellora. Entre elas atópase o Plan ARI, un plan de reconstrución de vivendas antigas necesario a causa da antigüidade dalgunhas das casas. A isto hai que sumar o problema de estacionamento na zona, un problema que está presente en máis zonas de Lugo.

Sen embargo, non hai que esquecer as diferentes obras e melloras que se realizaron nos últimos anos nesta zona. Sen ir máis lonxe, a construción da praza Agro do Rolo e a peonalización da praza da Milagrosa que fai máis accesible o barrio. Estas cuestións son algunhas que comentou o xa citado Valentín Arias.

Que funcións considera que cumpre a Asociación de Veciños da Milagrosa no barrio?

Ten moitas funcións que van dende recoller todas as queixas e todos os inconvenientes que hai tanto a nivel tráfico como a nivel de recuperación de casas que están en mal estado, ata as queixas en xeral dos veciños e veciñas do barrio.

Que melloras cre que se deberían levar a cabo na Milagros?

Considero que actualmente o fundamental no barrio da Milagrosa é levar a cabo o Plan ARI, que significa Área de Rehabilitación Integral.

En que consiste ese plan de rehabilitación?

É un plan de reconstrución de vivendas antigas no que se dan unha serie de axudas que teñen que ser solicitadas. Desta maneira, póñense en marcha accións para rehabilitar todas aquelas casas en mal estado que o precisen. Neste plan intervén a Xunta, o Ministerio e o Concello de Lugo e, ademais, os veciños e veciñas do barrio teñen que poñer unha parte para reconstruír estas casas que o precisen e levar a cabo as actuacións necesarias. Iso é un tema que temos reivindicado dende fai moito tempo e é o que estamos a facer e o que máis nos urxe na actualidade.

Como considera que foi evolucionando o barrio da Milagrosa?

Considero que foi evolucionando positivamente porque se remataron varias obras pendentes. Nestes últimos anos acabouse a praza da Milagrosa, a nova praza de Agro do Rolo… O barrio vai indo ben, con algúns problemas que xurden pero vai indo ben.

Ademais diso, considera que habería que realizar algunha obra máis no barrio?

Non. Eu penso que o barrio tal e como está agora está ben. Houbo uns cambios de direccións de tráfico que en principio están indo correctamente e a atención en xeral ao barrio en canto a limpeza e a este tipo de cuestións que conveñen aos veciños e veciñas está funcionando ben. Actualmente eu creo que o que máis urxe e iso, atender esas casas en mal estado que hai dentro do barrio e que, ao final, son bastantes. Ao fin e ao cabo, a Milagrosa é un barrio con moita vida, con moito orgullo de si e que presumimos de ser de barrio.

Considera que o Concello ten en conta a Milagrosa?

Si, polas propostas que se teñen feito no barrio, considero que si. De feito, incluso se conseguiu un párking nun solar próximo á praza Agro do Rolo. Estamos tamén a ver se conseguimos algúns lugares máis onde se poida estacionar de forma libre porque si que é certo que ese é outro dos problemas que temos aquí na zona, o tema do estacionamento.

Entón tamén opina que o tema de estacionamento é un problema?

Si, o párking que se puxo a disposición dos veciños e veciñas foi unha solución parcial porque nun barrio hai moitísimas casas e, neste en particular, hai moitas que non teñen garaxe a causa da súa antigüidade e por outras cuestións. Por iso, si que é certo que é un problema que temos na actualidade.

Que solucións se poderían levar a cabo para solucionalo?

Iso é unha cuestión difícil. Eu creo que, de xeito provisional, podería ser empregado algún solar baleiro que queda aínda por aí na zona. Por exemplo, na rúa Eloi Maquieira Arquitecto, preto da praza Agro do Rolo, hai algún solar que se podería empregar con este fin. Posiblemente se podería habilitar mentres non se constrúe algunha outra edificación. Para o tema de aparcadoiros non vexo unha solución clara ou definitiva ao problema.

A situación sanitaria da covid retrasou algún plan do Concello no barrio?

Si, considero que a covid foi algo que nos incidiu a todos. Aínda a día de hoxe nos incide tamén. Creo que houbo cousas que foron un pouquiño máis lentas ca se a situación fose outra. Isto foi algo que incidiu en todos nós.