Skip to main content
Lugo

Entrevista:”Estamos limitados en moitas ocasións pola condición xeográfica de Lugo”

Por 12 Novembro, 2021Sin comentarios

José Luís Díaz Núñez é un dos socios da Asociación de Amigos do Jazz Escobijazz, organizadora do Festival de Jazz de Lugo, así coma o secretario da Sociedade Filarmónica de Lugo.

Volve o Festival de Jazz de Lugo un ano máis, en tres escenarios da cidade amurallada e seguirá ata o día 21 de novembro. Actuarán un gran número de artistas de recoñecido prestixio internacional ou mesmo nacional.

As entradas para os concertos nonCírculo das Artes – Escenario 1906 están a venda na caseta do Festival situada na praza Maior, fronte ao Círculo. Para os concertos na Casa do Saber a entrada é gratuíta ata esgotar localidades. As entradas para o Clavicémbalo poden mercarse na mesma sala.

José Luís Díaz Núñez é un dos socios da Asociación de Amigos do Jazz Escobijazz, organizadora do Festival de Jazz de Lugo, así coma o secretario da Sociedade Filarmónica de Lugo.

Como naceu a idea de realizar un festival de jazz?

O festival realízase dende fai 31 anos e, daquelas, estábamos varias persoas involucradas no Club Clavicémbalo. Alí facíamos algúns concertos en directo e, entre varios, ocorréusenos montar unha asociación cultural chamada Amigos do Jazz Escobijazz para intentar levar a cabo ideas que nos xurdían e, a primeira iniciativa que intentamos foi facer un festival.

Como foi a evolución deste festival de jazz?

A evolución foi boa. O primeiro ano case recorremos aos amigos, a xente que coñecíamos a nivel nacional por concertos que fixeramos no Clavi ou por algunha outra razón. Nos últimos 10 – 15 anos ou máis, xa comezamos a traer as primeiras figuras mundiais do jazz. A verdade é que en canto a evolución, non hai queixa.

Como adoita ser a acollida?

Moi boa. Ao principio, hai 30 anos cando se comezou co festival, non tivo moita afluencia de público. Nuns concertos había máis público e noutros menos, sen embargo, pouco a pouco foi crecendo e xa nos últimos 15 ou 20 anos, as entradas remataban esgotadas e a cantidade de espectadores era moi grande.

E como se prevé este ano?

Ben, xa están as entradas á venta por internet e escapan das mans. Hai bastante boa acollida como era de esperar. Este ano, temos o aforo máis reducido do que o tiñamos antigamente xa que está para unhas 150 persoas aproximadamente. Poderíamos ter máis pero a idea é que a xente estea cómoda, que non existan aglomeracións e que se manteñan as distancias.

O ano pasado, a pesar da situación sanitaria, tamén se realizou o festival, como se levou a cabo?

Digamos que fomos os únicos ou dos poucos que fixemos un festival en Galicia, porque a primeiros de novembro estaba todo pechado. Foi un festival máis pequeno xa que o fixemos cun aforo de 30 persoas de público. Desta maneira, ao ter tan pouca xente era sinxelo levar a cabo as medidas sanitarias. O que era complicado era manter o festival con tan poucas persoas, sen embargo, seguimos cara adiante porque o 90% do presuposto son subvencións e non facelo era deixar aos músicos algo colgados. De feito, ao final tamén se retransmitiron por streaming todos os concertos e foi algo que funcionou bastante ben.

Entón contades con axudas de administracións públicas e privadas?

Si, temos subvención de entidades públicas como da Xunta, da Deputación, do Concello de Lugo e do Ministerio de Cultura. Non nos dan unha contía excesiva pero si que nos dan un pouco que nos serve de axuda. Por outro lado, tamén de empresas privadas de Lugo, que non é que nos dean cartos, senón que pagan parte dun concerto, gastos extraordinarios, transporte, facilítannos hoteis… Ao final, todo isto axuda.

Que grupos novos vos gustarían que viñeran ao festival?

Moitos. O que pasa é que nese sentido estamos limitados en moitas ocasións pola condición xeográfica de Lugo, aínda que tamén polo orzamento. En relación ao primeiro caso, en canto á situación de Lugo, o que ocorre é que estes artistas, habitualmente, teñen unhas xiras moi curtas en Europa e, para nós, estar lonxe dun aeroporto principal, complica a situación. Téñensenos dado casos de falar con algún artista para que viñera tocar e non poder porque tocaba o día anterior en Oslo ou así. Ao ter tan só un día libre moverse a Lugo é complicado. Ás veces, son máis difíciles as labores de loxística, de como traer os músicos para que poidan continuar ca xira, que outras cuestións.

Que significa para vostede o festival?

Por un lado, é un desfrute. De feito, comezou sendo así, para gozar de concertos e participar neste evento. Sen embargo, tamén se converteu nunha responsabilidade bastante importante. Sénteste un pouco responsable de que funcione, de que exista, de que se manteña e de que siga e, ao final, tamén o facemos sobre todo pola xente que nos apoia, tanto traballando coma colaborando. Tamén polo público, xa que hai cantidade de xente que está esperando todo o ano polo festival, preguntando datas, artistas que participan, etc. Sentimos que hai moita xente interesada e é difícil non seguir participando en isto. Algún día haberá que dar o relevo a alguén, se o atopamos, porque ao final son moitos anos realizándoo.

Actualmente, tamén se atopa na Sociedade Filarmónica, que labores desempeña nela?

Tanto nun lado coma noutro, o traballo que eu fago é programar concertos. No festival de Jazz tanto Alberto Grandío coma min, programamos a medias os concertos e, no caso da Sociedade Filarmónica, encárgome eu un pouco da programación, aínda que o facemos dentro dunha directiva na que todo o mundo que está opina e colabora.

Que é e cales son os obxectivos da Sociedade Filarmónica?

A sociedade filarmónica é unha asociación cultural, que leva funcionando 75 anos, que o que fai en todo o ano é organizar concertos. Moita xente confunde o termo e cre que é unha orquestra ou un coro, sen embargo, o único que define a palabra filarmónica é ser amigos da música. Si que é certo que existe tamén unha banda filarmónica en Lugo, que ten certo parentesco con nós xa que xurdiu dentro da nosa actividade, sen embargo, non é a sociedade filarmónica.

Nesta sociedade temos máis de 200 socios que pagan todos os meses, co obxectivo de que se fagan concertos de música clásica en Lugo. De feito, este foi un movemento de finais do século XIX e principios do XX que xurdiu en toda Europa e, por exemplo, na Coruña leva máis de 100 anos.

Como ve o futuro da sociedade filarmónica en Lugo?

Con altibaixos pero ben, xa que nos últimos anos mantivemos bastante ben o número de socios. De feito, algo que se pode destacar é que durante a pandemia supuxemos que moitas persoas se darían de baixa como socias ao non haber concertos e que volverían a inscribirse cando houbera de novo máis actividade, sen embargo, non se deu de baixa ninguén por esta razón. A xente apoia e está concienciada.

Si que é certo que a pandemia nos afectou co feito de non poder realizar concertos, xa que ao primeiro non se podía, despois o aforo estaba en 30 persoas e non tiña sentido facer un concerto, etc. Aínda así, nós non sufrimos tanto coma si sufriron os profesionais da música que, ao fin e ao cabo, quedaron sen traballo.