Skip to main content
Cultura SARRIAXALugoSarria

Entrevista: “Cando infiltras a vida artística coa cotiá, ambas se enriquecen”

Por 13 Novembro, 2021Febreiro 13th, 2023Sin comentarios

Jesús Otero Yglesias é un artista lucense con ampla experiencia en salas de exposicións e que nos revela a súa experiencia e a súa evolución a nivel artístico.

Dende cando empezou no mundo da pintura?

Dende moi novo tiven interese. Eu empecei a facer cousas que podían ter certo talante artístico dende moi pequeno, sen embargo, eu non o entendía coma unha práctica artística senón coma unha labor de investigación do que había no mundo. Isto é algo que me ven de familia, xa que veño dunha familia máis de aldea, onde se busca e se intenta amañar todo. Eu vivín no medio de ese ambiente versátil de moita curiosidade e foime calando. Quizá, a miña primeira iniciativa foi a ciencia e a investigación científica pero co paso dos anos, funme arrimando máis ao artístico. Ao final foi un proceso de anos.

Como considera que evolucionou a nivel artístico?

Fun evolucionando porque vas coñecendo xente moi distinta ao longo da túa vida e entrando en contacto con moitas cousas diferentes. Quizá, esa curiosidade omnívora que tiña dende pequeno se mantén tamén na idade adulta. Chegou un momento no que pensei que a práctica artística non tiña que estar illada de todas as outras cousas que vas coñecendo e coas que entras en contacto e foi aí, cando fun incorporando lecturas, a miña vida cotiá e outras cuestións. Iso lévate a que quizás,  a linguaxe da pintura non che chegue de todo para o que queres facer, aínda que considero que esta linguaxe pode dar conta practicamente de toda a experiencia humana en toda a súa complexidade. Sen embargo, fun evolucionando e fun derivando á instalación. Isto é cando fas cousas que teñen que ver máis coa arquitectura e de facer uso de todo o espazo, empregando luces, outros materiais… Por poñer un exemplo, no ano 2018 fixen unha exposición no MIHL. Este é un espazo bastante raro porque é moi longo. Tiña a opción de colgar cadros, sen embargo, pensei que podía facer uso de esas paredes tan longas e simplemente fixen unha pintura nun rollo de cartón que ocupaba toda a parede.

Tamén se trata de facer exposicións que se parezan máis á vida cotiá dun individuo que está rodeado sempre de obxectos moi diversos. Os artistas traballamos máis desta maneira, buscando que o visitante teña unha inmersión máis complexa de obxectos e de experiencias.

Entón, considera que ten multitude de influencias?

Si. A deriva que foi levando o arte moderno foi de ir achegando cada vez máis a esfera artística da vida cotiá. Eu aprendín e traballo sobre iso. Confúndese a vida privada da vida artística e en realidade ven a ser o mesmo e, canto máis se xuntan, curiosamente, mellor funciona todo xa que tes máis fontes ás que recorrer para o teu traballo, tes máis proximidade coa vida dos demais e vólveste máis humano. Cando infiltras a vida artística coa cotiá, ambas se enriquecen e a xente crece mutuamente

Recentemente, expuxo en Sarria a mostra Tras as montañas, como describiría esa exposición?

Resultábame un espazo difícil e peculiar porque, das catro paredes, aproveitamento real tan só tiña unha e un anaco de outra, xa que o resto son ventás. Falamos dun espazo que ten oito ventás de madeira, grandes e bonitas, onde quedan espazos estreitos entre elas. Sen embargo, para traballar nun lugar de exposicións buscas que exista o menor ruído posible, denominando ruído a todos aqueles obxectos ou elementos que poida haber na sala, como radiadores, lámpadas ou, coma neste caso, ventás. Canta máis limpeza, mellor xa que a percepción do visitante tamén mellora e ve a cousa con máis nitidez. Por iso, despois de darlle moitas voltas, resumín que, como había tantas ventás e con tanto protagonismo, o mellor era cerralas, ter a habitación a escuras e ofrecer algo con luz.

Desta maneira, realizaba unha instalación a escuras, algo do que tiña moitas gañas. Colguei unha lámpada no medio e despois preparei no taller unhas figuriñas recortadas en chapa de cinc, que mesturaban cousas da actualidade con formas que apareceron nas miñas pinturas ao longo do tempo, coma por exemplo, un home-árbore. Ao final, foron sobre 35 chapas que xuntei de tal forma que se relacionaran un pouco entre si, colgadas ao redor da lámpada e que proxectaban as sombras sobre a parede.

Ten algún proxecto a curto ou a longo prazo?

Agora mesmo, pasoume coma me imaxino que lle pasou a moitos compañeiros meus do gremio que, coa pandemia, adiaron moitos proxectos. Proximamente, vou ter un na sala de exposicións da Xunta de Galicia en Lugo e penso que será en xaneiro ou febreiro. Quixen expoñer aí porque é un espazo raro e difícil e, a miña idea, é empregar as sete columnas que hai.

Viaxou a diferentes lugares a nivel internacional, como conseguiu esas experiencias?

Un dos meus maiores esforzos dende o principio foi o de intentar proxectarme non só localmente, que é moi agradable porque hai un contacto máis humano, senón tamén de forma nacional e internacional. O mercado funciona así. Eu mandei proxectos a moitos sitios dende un primeiro momento. Fixen un traballo moi intenso niso, pero con pobres resultados. Sen embargo, de eses resultados si saíu algunha cousa e puiden participar en algunha exposición e Italia, Francia, Polonia… e conseguín estar en Bélxica durante un ano, algo que me abriu máis portas. Por iso, é algo que forma do meu traballo, realizar proxectos e envialos a convocatorias a nivel internacional, aínda que sexa complicado. Ademais, con isto, mellora o teu traballo, a túa linguaxe e queda a obra como proxecto.

Que diferenzas pode haber de como se vive o arte en outros países de Europa en relación a Galicia?

Eu diría que, sobre todo, no respecto. Tanto polo traballo do artista como polo resultado do seu traballo. Aquí desmóntanse moitas obras e é un traballo no que hai mofas. Hai esa falta de respecto que, cando andas por fóra, non percibes desa maneira. Tamén te admiten máis polo que fas que polo currículo que tes.

Cal foi o lugar onde máis lle gustou expoñer?

Destacaría dous. Por un lado, o Espai Cúbic na Fundación Pilar y Joan Miró en Mallorca, en 2004. Ata aquel momento, facía pintura exclusivamente, sen embargo, ao ver o enorme espazo que era, ocorréuseme a idea de colocar espellos en lugar de cadros, retomando a idea dos gabinetes de pinturas do século XV e XVI en Europa, que enchían habitacións enteiras de cadros, de arriba a abaixo. O que se me ocorreu foi encher o espazo pero, en lugar de cadros, de espellos. Isto facía que se ampliara e deformara o espazo, facendo cousas curiosas. Nese momento, traballei co espazo e non coa representación da pintura, algo que resultou peculiar, máxico e sorprendente. A partir diso, que saíu ben, din o paso da pintura á instalación de gran formato.

Por outro lado, outro momento crucial, considero que foi no 2018, na sala Alterarte do campus da Universidade de Ourense. Este é un espazo pequeno que non ten nada que ver co primeiro. Nela fixen unha exposición adaptada a ese espazo que se podía recorrer e visitar. Tratábase de vinte e tantos paos pintados de negro, nos que escribín en branco unha serie de parágrafos dos poemas de Carlos Oroza. Nesta exposición non te poñías diante dunha parede a ver un cadro, senón que quedabas alí metido no medio de todo iso, coma se fora un bosque de versículos. Á xente gustoulle moito e eu quedei moi contento desa mostra. É unha desas exposicións que, aínda que leves a outro sitio, sabes que non vai ser igual xa que está feito exclusivamente para aí.

Hai algún lugar onde non expuxo aínda e quere facelo?

No Centro Galego de Arte Contemporáneo en Santiago de Compostela, aínda que supoño que calquera artista galego quere expoñer alí. Gústanme tamén moito as igrexas e catedrais e, de feito, actualmente teño unha exposición na igrexa de Santa María de Gondar, a través do programa Connexio. Nesta igrexa fixen unha instalación adaptada ao lugar con cruces diversas e con diferentes materiais. Gústanme os espazos “sagrados”, porque teñen outro silencio, outra luz… que axuda en certa medida a certo tipo de obras, que non adoitan ser ruidosas e que están tinguidas de misticismo e de silencio, como as miñas. Aínda que, realmente, a min calquera sitio me interesa porque todos aceptan posibilidades. Hai que ler os espazos.