Skip to main content
Lugo

Miñones anuncia subvencións do Goberno para a transformación dixital e modernización de Lugo

Por 7 Novembro, 2021Novembro 8th, 2021Sin comentarios

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, anuncia que as cidades galegas poderán recibir 3,6 millóns de euros de subvencións que concede o Goberno español para a transformación dixital e modernización das entidades locais no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

José Miñones animou aos concellos de Vigo, A Coruña, Ourense, Lugo, Santiago, Pontevedra e Ferrol a optar a estas axudas do Goberno que poderán ser solicitadas ata o 15 de decembro.

O delegado do Goberno explicou que estes fondos supoñen unha boa oportunidade para que as cidades galegas melloren e modernicen a súa organización coa incorporación de tecnoloxías da información, dixitalización dos procedementos administrativos e adaptación da súa xestión a medios dixitais.

Os Ministerios de Política Territorial e de Asuntos Económicos e Transformación Dixital serán os encargados de xestionar esta liña de axudas, que se destinan a municipios con máis de 50.000 habitantes, ou con poboación inferior se son capital de provincia e que poden solicitarse ata o 15 de decembro.

CONTÍA MÁXIMA DAS AXUDAS

Para facilitar o acceso á convocatoria, a Secretaría Xeral de Administración Dixital publicou, dentro da páxina aberta para o fondo, unhas guías técnicas, sobre aspectos xerais e específicos dos requisitos das actuacións financiables, criterios de elixibilidade dos proxectos, proxectos prioritarios e obrigatorios, as distintas liñas de actuación, o formato dos proxectos e a memoria técnica que as entidades locais teñen que presentar.

ORZAMENTO E CRITERIOS DE REPARTICIÓN

O importe total máximo das subvencións para toda España ascende a 92,77 millóns de euros e a asignación entre as distintas entidades beneficiarias efectuarase do seguinte modo: o 45 % do importe total, 41.746.500 euros, distribuirase entre os municipios con poboación superior a 250.000 habitantes. O 55 % restante, 51.023.500 euros, distribuirase entre os municipios con poboación entre 50.001 e 250.000 habitantes ou con poboación inferior se son capital de provincia.

A contía máxima da axuda que corresponde a estes municipios determinouse en función do número de habitantes.

SOLICITUDES

As solicitudes poderanse presentar ata as 15:00 horas do 15 de decembro de 2021 e só de forma electrónica, a través da sede electrónica do Ministerio de Política Territorial (procedementos- subvenciones).

As entidades locais beneficiadas deberán xustificar o cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención e a aplicación dos fondos percibidos.

OBXECTIVOS

Entre as prioridades das subvencións para a modernización e dixitalización das entidades locais figuran os seguintes:

  • Maior accesibilidade de cidadáns e empresas a servizos públicos dixitais
  • Redución da fenda dixital
  • Mellora da eficiencia e eficacia dos empregados públicos
  • Reutilización dos servizos e solucións dixitais construídas
  • Utilización activa das tecnoloxías emerxentes no despregamento de novos servizos dixitais ( chatbots, automatización e robotización, plataformas…)

Co obxectivo de garantir a máxima eficiencia na aplicación dos fondos e lograr coas actuacións o maior impacto para a cidadanía no seu conxunto, as entidades locais priorizarán os seguintes proxectos:

  • Posta en marcha dun centro de operacións de ciberseguridad, que será de execución obrigatoria
  • Unha Administración orientada ao cidadán, desenvolvendo os tres servizos máis utilizados en modo App móbil ou a través dunha interface adaptable (“ responsive”) integrada no meu Cartafol Cidadán da AGE.
  • Operacións Intelixentes. Posta en marcha dun proxecto para automatizar procesos de prestación de servizos ao cidadán.
  • Desenvolvemento ou adaptación de servizos exentos de barreiras transfronteirizas para cidadáns e empresas europeos.