Skip to main content
Deportes LUGOXALugo

Coa moral polas nubes

Por 12 Novembro, 2021Sin comentarios

Por Adrián Fernández.

Segue a dinámica positiva para o Río Breogán a pesar de encadear tres derrotas consecutivas no mes de outubro. Ao final balance de dúas vitorias e tres derrotas, das cales tivo opcións de gañar en cada unha delas, para un total de 4 vitorias e 4 derrotas que nos sitúa sétimos na liga.

Cun estado de ánimo inmellorable comezaban o mes recibindo a un rival directo pola salvación, o Betis. Deixando ao carón a euforia inicial, este era un partido importante para ver cal era a resposta do equipo ante a presión de ter a obrigación de gañar a este tipo de rivais, e superouse con nota, dominando o encontro en todo momento ata alcanzar un resultado moi avultado (97-65) que deixaba clara a diferenza entre os dous equipos.

O calendario poñíase duro para o Breogán coa viaxe a Málaga para xogar contra o Unicaja, a semana seguinte recibir en casa ao todopoderoso Real Madrid e volver viaxar, esta vez a Zaragoza. Tres derrotas, 72-64 en Málaga, 71-79 co Real Madrid e 79-75 en Zaragoza; pero aínda así coa moral reforzada por moitos motivos, o primeiro porque son derrotas asumibles grazas ao traballo ben feito anteriormente, o segundo, porque a pesar de que os resultados foron negativos tívose opcións en todos eles de acabar con vitoria, en Málaga chegaron a estar arriba no marcador a falta de 5 minutos e contra o Real Madrid conseguiron poñerse a 2 puntos a falta de 2 minutos, só as individualidades de Norris Cole no primeiro e Sergio Llull no segundo evitaron as vitorias; e en Zaragoza, a pesar dunha primeira parte malísima, os peores minutos do Breogán esta tempada, souberon remontar e tiveron opcións reais de levar o partido; e terceiro, porque no partido contra o Real Madrid no Pazo, coas novas restricións, o aumento de aforo para eventos deportivos, permitiu xa o acceso a todos os socios e a algún espectador máis que puido facerse con algunha entrada, para volver ver o pavillón co ambiente de sempre, algo moi necesario para o equipo.

Que a moral estaba reforzada a pesar das derrotas puido verse no seguinte partido, nada menos que co UCAM Murcia que esta sendo unha das sorpresas deste ano, un equipo moi físico que imprime un ritmo de xogo moi alto e que xoga ao límite do regulamento. Un partido duro no que houbo de todo, moitísimas faltas, varias antideportivas e faltas técnicas, un simulacro de pelexa no que ata o noso querido Maximus recibiu a súa parte e que rematou con Sadiel Rojas expulsado, ata fallaron os marcadores das canastras varias veces e que fixo que o encontro se paralizase uns minutos, todo isto na véspera do Día dos Defuntos, un partido aloucado perfecto para unha tarde outonal de Samaín, e o mellor foi a volta á senda da vitoria (94-89), ver que o equipo responde en calquera situación e ante calquer tipo de rivais.

Chega novembro e co outro gran equipo ao pazo, o Gran Canaria. Esperábase outro partido duro e así foi, pero outra vez o equipo soubo sacrificarse en defensa e remontar unha desvantaxe de ata 11 puntos no terceiro cuarto, para levar a vitoria, esta vez grazas á actuación dun xogador que esta sendo o tapado do equipo, Tyler Kalinoski, 23 puntos 4/4 en tiros de 2 puntos e 5/7 en triplos, dando unha lección de xogo poucas veces vista en Lugo.

Quedan dous partidos máis (o 14 en Manresa e o 21 en casa contra Juventut) antes do paron polas xanelas FIBA (22-30 de novembro), partidos clasificatorios para o Mundial 2023 , nos que estarán convocados polas súas seleccións dzanan Musa, que volve coa selección de Bosnia e Trea Bell- Haynes con Canadá.

Haberá que ver en que condicións afrontasen eses partidos debido a que dous xogadores de Gran Canaria deron positivo por covid e todo o persoal do Breogán terá que facerse as correspondentes PCR para ver se hai algún contaxio no persoal.

Por último, e aínda que falta  moito para o derbi contra Obradoiro (3 de xaneiro), xa están á venda as entradas para o partido non sen polémica, xa que o elevado prezo que puxeron os de Santiago para ese día, non fixo máis que aumentar o malestar na afección lucense. Quedan pouco máis de dous meses e xa empeza a notarse o ambiente do derbi.