Skip to main content
Lugo

Hoxe terá lugar a xornada de presentación de resultados do proxecto Inverclima

Por 18 Novembro, 2021Novembro 19th, 2021Sin comentarios

O Laboratorio do Territorio (LaboraTE) da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo presenta hoxe 18 de novembro os resultados do proxecto Inverclima, unha iniciativa de I+D promovida desde a USC co apoio do Ministerio para a Transición Ecolóxica a través da Fundación Biodiversidade para mellorar a planificación territorial da infraestrutura verde e adaptarse así ao cambio climático.

O coordinador do LaboraTE, o profesor da USC David Miranda, abrirá ás 10.00 horas a quenda de intervencións dun foro en liña que inclúe varios relatorios ademais da presentación das conclusións dos traballos desenvolvidos polos investigadores da USC Andrés Manuel García Lamparte e Rocío Losada Iglesias no marco deste proxecto.

O biólogo e consultor ambiental Manuel Oñobre Esparraguera, da Secretaría Xeral de Biodiversidade Terrestre e Mariña do Ministerio de Transición Ecolóxica (Miteco), abrirá a quenda de intervencións cunha exposición sobre a estratexia europea e nacional sobre infraestrutura verde. De seguido, o director do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader), Pablo Ramil Rego, tratará algúns aspectos sobre a estratexia galega de infraestrutura verde, mentres que a directora Xeral de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia, Inés Santé, salientará a importancia desta infraestrutura verde co desenvolvemento rural.