Skip to main content
Lugo

Aberta a inscrición da segunda edición de ‘Terra Creative Jam – cara o rural 2030′

Por 22 Novembro, 2021Sin comentarios

O Campus Terra da USC e a incubadora Lug Open Factory impulsan a segunda edición de ‘Terra Creative Jam – cara o rural 2030’, un evento creativo de xeración de ideas dirixido a alumnado da sede universitaria luguesa que se desenvolverá os días 2 e 3 de decembro na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo. As persoas interesadas en tomar parte nesta iniciativa poden formalizar xa a súa inscrición en liña. O prazo remata o 1 de decembro.

O evento Terra Creative Jam ofrecerá ao estudantado e a titulados da sede universitaria luguesa participar en diferentes talleres, nos que están chamados a resolver desafíos sociais, ambientais e tecnolóxicos, co propósito de achegar solucións cara o ‘Rural 2030’. As distintas actividades programadas na Facultade de ADE permitirán tocar varias temáticas: biosaúde e nutrición, produción eficiente e sostible, educación inclusiva e de igualdade, empresa social e uso das TIC´S no rural, enerxías limpas, comunidades sustentables e protección do patrimonio e innovación e benestar para a vida e o ecosistema. As ideas, produtos e servizos que se desenvolvan deberán estar ligados ao desenvolvemento rural, ademais de tratarse de propostas aliñadas cos obxectivos de desenvolvemento sostible 2030.

Os participantes, que poderán concorrer de xeito individual ou en equipo, poderán disfrutar dunha primeira xornada de ideación, con xogos de creación de ideas e proxectos sostibles, formación con workshops específicos e prototipaxe con máquinas 3D, gamificación, realidade virtual e drons. A segunda xornada consistirá nun Hackaton, no marco do que as persoas participantes, agrupadas en equipos, traballarán no seu prototipo para crear a súa solución sostible e expoñela ao xurado.

O equipo gañador terá unha praza para desenvolver a súa idea no Programa Explorer e no programa de incubación Atlantic Youth Creative Hubs (AYCH), onde poderá facer unha residencia e prácticas internacionais. Ademais, cada un dos integrantes do equipo gañador, recibirá un agasallo.

‘Terra Creative Jam – cara o rural 2030’ é un evento promovido pola Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) do Campus Terra da USC en colaboración coa incubadora Lug Open Factory ao abeiro do proxecto AYCH Interreg Atlantic Area. A participación nesta actividade é gratuíta. Os organizadores facilitarán aos asistentes aloxamento e mantenza durante os dous días que dura o evento e os participantes recibirán un diploma acreditativo. As prazas son limitadas e o programa do evento xa se pode consultar en liña.