Skip to main content
Lugo

Último día para presentar as propostas ao III Certame de Videocreación do Campus de Lugo

Por 22 Novembro, 2021Sin comentarios

Hoxe ás 15.00 horas pecha o prazo de presentación de propostas creativas de carácter inédito para a terceira edición do certame de videocreación.

A Área de Cultura do Campus de Lugo da USC aposta pola visibilidade das novas linguaxes coa convocatoria da terceira edición do certame de videocreación, unha iniciativa artística aberta á participación de todo o público interesado e dotada con tres premios en metálico por un importe global de 1.200 euros.

O III Certame de Videocreación, do mesmo xeito que nas edicións precedentes, constitúe unha das iniciativas promovidas ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo, a través da que se pretende a posta en valor e a canalización das inquedanzas creativas da mocidade, así como o recoñecemento das novas formas de manifestación e expresión nas que a literatura conflúe co audiovisual.

Alén da aposta por valorizar as novas linguaxes e formas de manifestación cultural, os promotores desta iniciativa de carácter pouco menos que experimental buscan tamén render unha homenaxe póstuma a Isidro Novo e a Araceli Herrero. Daquela, o certame establece o Premio Isidro Novo, dotado con 400 euros en metálico, para a videocreación con mellor linguaxe literaria, unha categoría na que o xurado valorará os aspectos literarios da obra referentes ao guión e ao uso da linguaxe escrita ou oral.

O premio Araceli Herrero, que conta coa mesma dotación económica, distinguirá a proposta que mellor englobe todos os aspectos comunicativos empregando diferentes linguaxes. O III Certame de Videocreación promovido desde o Campus de Lugo inclúe asemade un premio á creación con mellor linguaxe visual. A concesión deste galardón, dotado con 400 euros en metálico, terá en conta aspectos estéticos da obra referentes á imaxe, iluminación e dirección artística, así como a montaxe e edición visual de cada peza.

Unha vez resolto o fallo do xurado, a entrega dos premios do III Certame e Videocreación do Campus de Lugo desenvolverase o 20 de decembro no marco dun acto público que se celebrará ás 20.30 horas no auditorio da Casa do Saber de Lugo.