Skip to main content
Lugo

III Xornada de sensibilización e prevención da violencia sexual entre a mocidade

Por 23 Novembro, 2021Sin comentarios

A sensibilización e a prevención da violencia sexual entre a mocidade centra a temática da terceira edición das xornadas Agresión off, un foro de análise e debate promovido pola Secretaría Xeral de Igualdade xunto coas oficinas de Igualdade do Sistema Universitario Galego que recala está tendo lugar hoxe martes 23 de novembro na Facultade de Formación do Profesorado do Campus de Lugo.

O profesor de Socioloxía da USC Jorge García Marín abrirá o programa de relatorios desta xornada, ás 10.00 horas, no salón de actos de Formación do Profesorado, cunha intervención que se desenvolverá baixo o título ‘A nanosfera e as subculturas supremacistas masculinas’. A técnica superior de Promoción de Igualdade de Xénero Genoveva Gundín González abordará de seguido este foro cun relatorio sobre as tipoloxías de violencias sexuais e o seu recoñecemento.

O tratamento e a linguaxe empregada nos medios de comunicación para referirse a episodios de violencia de xénero centrará a temática da intervención de Joaquín Pedrido Rey, xornalista e profesor no Centro Tomás Barros de A Coruña. As III Xornadas Agresión off rematarán cun coloquio no que se presentarán tres investigacións sobre igualdade.

O investigador en xénero Pablo Soto Casás exporá neste foro unha análise cualitativa das formas de interacción social nas redes para a prevención de violencias sexuais na mocidade. A opinión, percepción, experiencias e aptitudes do alumnado da UVigo sobre consumo de sexo comercial, centrará a intervención de Miguel Betes Figueira, educador social e experto en xénero pola UVigo. A investigadora visitante na USC Naila Neves de Jesús pechará a quenda de intervencións coa charla titulada ‘Violencia de xénero: marcas do machismo e do patriarcado!’.