Skip to main content
Lugo

Isabel Rodríguez resalta o papel dos medios de comunicación na loita contra a violencia de xénero

Por 23 Novembro, 2021Sin comentarios

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, incidiu hoxe no importante papel que desempeñan os medios de comunicación na concienciación da cidadanía para erradicar comportamentos machistas e a violencia contra as mulleres. A subdelegada chamou a atención sobre a responsabilidade dos medios de comunicación na transmisión de valores como a igualdade e o dereito a vida na presentación da xornada Contra a violencia de xénero: comunicación e xustiza, organizada pola Subdelegación do Goberno en colaboración coa Asociación da Prensa de Lugo.

A xornada Contra a violencia de xénero: comunicación e xustiza, destinada a profesionais dos medios de comunicación, contou coa participación como ponentes do xuiz Sergio Orduña e a fiscala Áurea Martínez de la Fuente e forma parte da programación de actividades que se desenvolve en Lugo, desde o pasado mes de marzo, organizada pola Unidade contra a Violencia sobre a Muller que dirixe María Luisa Castro.

A subdelegada agradeceu a colaboración dos dous especialistas e destacou a sensibilidade demostrada pola Asociación da Prensa de Lugo fronte a un problema social tan grave como a violencia de xénero. Así, lembrou que este ano son 37 as mulleres asasinadas en España e, na provincia de Lugo, a data de onte, eran 606 o número de casos activos no sistema Vioxen, 246 da capital e 360 do resto de concellos. Tamén indicou que na provincia son 515 as mulleres que contan con orde de protección.

Para frear esta lacra, Rodríguez considerou imprescindible a implicación de toda a sociedade e asegurou que “os profesionais dos medios sodes un colectivo decisivo na conformación da opinión pública. Por moito que avancen as tecnoloxías e muden os soportes que empregamos para a comunicación os xornalistas sodes fundamentais na construción dunha sociedade libre e democrática, en vós recae a responsabilidade de contarlle á cidadanía a verdade do que pasa no mundo. E a difusión de información e de coñecemento conleva tamén a transmisión de valores, mesmo da importancia de dereitos fundamentais como a igualdade e o dereito á vida”.

OS PONENTES

A xornada correu a cargo do maxistrado xuiz Sergio Orduña e da fiscala Áurea Martínez de la Fuente que falaron sobre a Vioencia de xénero abordando, entre outros, temas relativos á lexislación e ao procedemento xudicial en materia de violencia de xénero.

Sergio Orduña licenciouse en Dereito pola Universidade de León en 2005. Accedeu á carreira xudicial en 2008 e tivo o seu primeiro destino en Cangas de Morrazo. No ano 2015 ascendeu a maxistrado e pasou a desempeñar o seu cargo no Xulgado de Instrución número 3 de Lugo. Desde a súa chegada a Lugo interviu nunha pluralidade de actos de formación en materia de violencia sobre a muller, actualmente colabora coa Universidade de Compostela no Máster de Avogacía en Lugo, así como coa sede da UNED de Lugo.

Pola súa parte, Áurea Martínez de la Fuente tomou posesión como Avogado-Fiscal na Fiscalía Provincial de Lugo en 2012. Foi delegada de Extranxeiría da Fiscalía ata novembro de 2015 cando a Fiscalía Xeral do Estado a nomeou delegada contra Violencia sobre a Muller da Fiscalía Provincial de Lugo.

PROGRAMACIÓN DO 25N

A programación deseñada pola Unidade contra a violencia sobre a muller da Subdelegación do Goberno, na que se enmarca a Xornada, comezou o día 20 de outubro coa celebración dunha xornada destinada a traballadores dos servizos sociais dos concellos da provincia e dos Centros municipais de Información á muller que tratou sobre Autorizacións de residencia para mulleres estranxeiras vítimas de violencia de xénero.

Posteriormente, o 2 de novembro inaugurábase na entrada da Subdelegación do Goberno a exposición Árbore da violencia de xénero. Na raíz está o cambio.