Skip to main content
Lugo

O Presidente da Deputación participa na LXV Reunión da Sociedade de Cirurxía de Galicia

Por 27 Novembro, 2021Sin comentarios

O Presidente de Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este venres na inauguración da LXV reunión da Sociedade de Cirurxía de Galicia que se celebra hoxe e mañá no Museo Interactivo da Historia de Lugo. Un encontro profesional para actualizar coñecementos, intercambiar experiencias e descubrir as novidades do sector.

O mandatario provincial fixo un “novo recoñecemento público ó extraordinario traballo que fixo e que segue facendo todo o persoal sanitario durante a pandemia. A súa entrega, compromiso e profesionalidade puxeron de manifesto todos os valores recollidos no Xuramento Hipocrático”. “A atención sanitaria ás persoas enfermas, ademais do labor divulgativo que fixeron os profesionais sociosanitarios, explicando os riscos da Covid-19, o mecanismo dos contaxios ou a importancia da vacinación, foron fundamentais para converter a España nun dos países que mellor loitaron contra a pandemia e nun dos países que conta a día de hoxe cunha maior taxa de poboación vacinada”, asegurou o Presidente.

Citas como a reunión da Sociedade de Cirurxía de Galicia, que recupera a presencialidade tras o primeiro ano de crise sanitaria, son sempre, afirmou José Tomé, “unha oportunidade para a mellora do noso sistema sanitario, porque as reunións profesionais de expertos e expertas son, sen dúbida, o punto de partida do que teñen que saír pautas de modernización e innovación para os nosos hospitais e centros de saúde”.

O Presidente agradeceu a decisión da Sociedade de Cirurxía de Galicia de celebrar en Lugo o congreso. “A nosa provincia é patrimonio, paisaxe, cultura, arte, gastronomía, medio ambiente, pero tamén queremos reforzar o papel de Lugo no I+D+i, na innovación. Coa súa presenza aquí neste encontro avanzamos neste sentido”, subliñou.

A institución provincial colabora cunha achega de 12.000€ no funcionamento da asociación profesional e na celebración desta cita.