Skip to main content
Palas de Rei

O Concello de Palas de Rei emitirá o documental Son de muller con motivo do 25N

Por 15 Novembro, 2021Sin comentarios

O Concello de Palas de Rei, a través dos seus medios dixitais, emitirá desde o martes 16 ata o xoves 25 de novembro, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero o Filme Documental Son de muller, que consta de nove capítulos, emitíndose un por día, unha actividade da Campaña “Palas de Rei dille non a violencia de xénero. Non máis violencia contra as Mulleres”, organizada polo Centro de Información á Muller.

Son de muller.Un silencio por romper.
A vida das mulleres, onte e hoxe, está chea de silencios e multitude de preguntas que interpelan á persoa socialmente concibida e á comunidade no seu conxunto, adormecen no fondo dunha desigualdade na que, polo regular, nos criamos e que cómpre evidenciar para que o camiño nos leve á superación.

A través de pequenas historias, vivencias e xestos, Son de muller penetra nese mundo onde a existencia e a esencia feminina se viu e se ve cortada por actitudes de descualificación ou dominio por parte do home; afonda no inconcibible, nesa parte da razón que menos razoa, onde o sentido común esmorece. Roles e estereotipos son postos ao descuberto nunha áxil perspectiva, basta ver e escoitar.

Son de muller pretende amosar respecto e transparencia á condición feminina e enxergar canles de superación das múltiples taras e desigualdades que subsisten, mesmo inconscientemente polo arraigo social e educativo que de longo tempo presentan.