Skip to main content
Monforte

Nova regulación do tráfico en varias rúas de Monforte

Por 7 Novembro, 2021Novembro 8th, 2021Sin comentarios

O Concello de Monforte informa sobre a regulación do tráfico que se levará a cabo nas rúas Corredoira e Roberto Baamonde por obras de mellora nos seus firmes que se levaran a cabo na vindeira semana, en concreto dende o martes día 9 na rúa Corredoira, e dende o mércores 10 en Roberto Baamonde, sempre que a climatoloxía o permita.

En ambas rúas, o tráfico será debidamente ordenado segundo o dispositivo que organice e estableza a Policía Local, a través de itinerarios alternativos debidamente sinalizados, a fin de propiciar o tránsito de vehículos de forma axeitada. 

No caso da rúa Corredoira, esta regulación do tráfico afectará dende a rúa Santa Clara ata Irmáns da Pena. No que se refire ós accesos ó Hospital, a entrada e saída estará perfectamente habilitada.

Polo que respecta á rúa Roberto Baamonde, a Policía Local establecerá un plan de tráfico específico para regular a circulación de vehículos, debido a que é unha das rúas máis transitadas da cidade.

Da mesma forma, a Policía Local de Monforte procederá dende hoxe á colocar carteis informativos sobre estas actuacións na rúa Corredoira, co obxectivo de informar ós veciños para que procedan a retirar os seus vehículos das zonas de aparcamento antes do inicio das obras. No caso da rúa Roberto Baamonde, comezarán a colocar ditos carteis dende mañá domingo.

Dende o Concello agradecemos a comprensión dos veciños e condutores e rogamos desculpen as molestias que estes traballos poidan ocasionar.

Melloras na Rúa Corredoira e Roberto Baamonde

As obras que se levarán a cabo nestas dúas rúas foran anunciadas polo Alcalde hai unhas semanas, dentro dos 10 proxectos de mellora que significan obras en rúas, vías e camiños de titularidade municipal, tanto do eido urbano como rural de Monforte, e que alcanzan, en total, o medio millón de euros.

En concreto, as actuacións na rúa Corredoira mellorarán o firme do tramo que vai dende o inicio da mesma, na rúa Santa Clara, ata o seu encontro coa rúa Irmáns da Pena, xusto antes do acceso ó recinto do Hospital Comarcal, actuando sobre unha lonxitude aproximada de 290 metros. A inversión para esta actuación de mellora supera os 47.000 euros (47.383,39€).

No caso da rúa Roberto Baamonde, a obra de renovación da calzada, que conta cun orzamento de 74.519,58 euros (IVE engadido), suporá a reposición da capa de rodadura deste vial urbano, ó longo de 810 metros lineais, e a renovación da súa sinalización horizontal e vertical.

“Roberto Baamonde é unha das rúas máis transitadas da cidade, que comunica o centro coa zona da Estación, a saída cara Pobra de Brollón e tamén cara á N-120, polo que, é unha rúa que axuda a conformar a imaxe da nosa cidade e a vertebrar a trama urbana. Por iso, debemos mantela en bo estado, algo que faremos con estas obras de mellora que estamos a piques de iniciar”, subliñou o Alcalde, José Tomé Roca.

O prazo de execución previsto para esta obra no proxecto inicial era de 14 días hábiles, pero se o tempo o permite, dende o Concello e a empresa que executará as obras, estímase que se poderían reducir os prazos a unha semana.