Skip to main content
Monforte

Máis de 100 empresas xa se forman en dixitalización co programa da Deputación

Por 9 Novembro, 2021Novembro 10th, 2021Sin comentarios

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este luns nun encontro con empresarios do CCU Monforte de Lemos onde se lles deu a coñecer o programa Reiníciate: Dixitaliza a túa empresa que ten en marcha a Deputación xunto coa Escola de Organización Industrial (EOI) cun orzamento de 1M de euros para prestar apoio gratuíto a pemes e autónomos da provincia para mellorar o seu negocio a través da dixitalización. Máis de 100 empresas xa iniciaron os primeiros desafíos que xa arrancaron en Lugo, Vilalba, Viveiro e Antas de Ulla.

José Tomé explicoulles que este novo programa da Deputación forma parte do Plan de Impulso da Economía da Provincia lanzado pola Deputación para favorecer a recuperación do tecido produtivo fronte ao impacto da pandemia. “Trátase dun programa de formación e de asesoramento personalizado que ofrecemos de maneira totalmente gratuíta ás empresas para axudarlles a aproveitar os recursos das novas tecnoloxías para modernizar e mellorar o seu negocio”, subliñou o Presidente.

“Queremos que gañen en competitividade, en produtividade, en eficiencia, para que abran novas oportunidades de negocio e, polo tanto, para que teñan ferramentas que lles sirvan, por un lado, para recuperarse antes e de maneira máis sostible no tempo dos efectos da crise da Covid e, ao mesmo tempo, para que poidan incluso estar mellor preparadas de cara a futuras situacións adversas”, explicou.

Na reunión tamén participaron representantes da empresa encargada de impartir a formación e facer a titorización personalizada, así como persoal da área de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo.

Boa acollida
Máis de 100 empresas xa iniciaron o seu desafío particular do programa que arranca coas titorizacións individuais onde se avalía a situación particular de cada unha. Agora mesmo están nesta fase nos municipios de Lugo, Vilalba, Viveiro e Antas de Ulla e nas vindeiras semanas arrancará outro proceso en Lugo, Monforte de Lemos e Foz. Unha vez rematados estes desafíos comezarán outros sete, que se adaptarán ás necesidades detectadas nas titorías.

A iniciativa está dirixida a 500 empresas de calquera sector ou actividade, e de calquera dos 67 concellos da provincia de Lugo, que durante os próximos meses poderán participar nos diferentes desafíos que se poñan en marcha. O programa está promovido pola Deputación e a EOI cun orzamento de 1.080.000 euros, achegados nun 85,9% pola Escola de Organización Industrial a través do Fondo Social Europeo, que supón 927.720 euros. A Deputación asume o 14,1% restante, o que supón 152.279 euros.

“Reiníciate: dixitaliza a túa empresa inclúe un acompañamento real, individualizado e personalizado para cada unha das empresas que decidan beneficiarse desta iniciativa, facilitando que cada unha delas teña o seu propio ritmo e un plan para dar resposta ás súas necesidades específicas da mellor maneira posible. A formación parte dende o punto no que estea cada negocio participante en materia dixital.

En concreto, desenvólvense accións prácticas como a realización ou actualización da páxina web, a creación ou mellora das redes sociais, o posicionamento na rede, o márketing dixital ou a implantación de programas de xestión ou facturación, entre outras.

Prazo de solicitude aberto
O prazo de inscrición continúa aberto e pódese formalizar na web: lugoformaciondigital.es Habilítase o teléfono 982 26 02 04 para resolver dúbidas que poidan xurdir. A previsión é que o programa arranque xa na primeira semana de novembro.

Fanse sesións online e presenciais, destinando tempo á titorización individualizada, á formación e ao acompañamento. A cada empresa asignaselle un profesional que será o seu mentor durante todo o programa e esta persoa será a encargada de facer a avaliación inicial e de establecer o plan de traballo en función das necesidades detectadas. Para a formación disponse de 80 horas que se imparten en horario de mañá e de tarde durante tres días á semana, e 85 horas para a mentorización personalizada e adaptada a dispoñibilidade de cada empresa.