Skip to main content
Quiroga

Nova campaña informativa para a separación do lixo e o uso do punto limpo en Quiroga

Por 24 Novembro, 2021Novembro 25th, 2021Sin comentarios

O Concello de Quiroga incide unha vez máis na necesidade de manter as boas prácticas na súa separación do lixo. Estes días comezou, co envío de folletos informativos, coa segunda campaña anual para concienciar e recordar á veciñanza e visitantes onde debe depositarse cada un dos residuos que se xera no fogar.

No contedor amarelo deben depositarse os envases lixeiros, entre os que se inclúen os envases de plástico, os envases metálicos (como latas de bebida ou conservas) , e os envases tipo brik. É moi importante que os envases vaian totalmente baleiros.

No contedor de vidro teñen que depositarse botellas, tarros e frascos que deberán ir tamén baleiros e sen tapas nin tapóns. Neste contedor non se poderán depositar vasos, copas, vidros de ventás, espellos, bombillas nin materiais cerámicos.

No contedor de cartón soamente se poderá botar papel e cartón. As caixas débense pregar axeitadamente, se o contedor está cheo, deixarase enriba deste ben colocado. Ademais, no caso de grandes cantidades deste material disponse de recollida a domicilio chamando ao teléfono 636.69.35.00.

No contedor xenérico botaranse todos os residuos que non poden ir noutros contedores, tales como restos de comida, xoguetes, cueiros, porespán… Estes residuos deberán ir en bolsas ben pechadas para evitar cheiros.

Tamén se dispón de colector de recollida de aceite de cociña usado. O aceite doméstico usado depositarase nestes contedores metido en botellas de plástico ben tapadas de maneira que non vertan. Dende o concello recórdase a importancia de usar este colector xa que un litro de aceite usado pode contaminar máis de mil litros de auga.

A roupa e o calzado tamén teñen o seu lugar de recollida. A roupa, tanto de vestir como roupa de fogar, así como zapatos, deben depositarse nos contedores para téxtiles. As bolsas teñen que depositarse pechadas. A vila de Quiroga conta con tres contedores de téxtil: un nas inmediacións do Centro Médico, outro nas inmediacións da Residencia da Terceira Idade e outro nas inmediacións da antiga cárcere.

Finalmente, disponse dun Punto Limpo ao que se levarán os residuos voluminosos (mobles, colchóns,…) restos metálicos do fogar, cascallos de pequenas obras (ata 25 quilos), electrodomésticos, pilas ou baterías, plásticos … Disponse dun servizo de recollida a domicilio para levar estes residuos ao Punto Limpo chamando ao teléfono 636.69.35.00.

O Concello de Quiroga tamén recorda que o abandono, vertido ou eliminación incontrolada de residuos, está sancionado pola Lei de Residuos de Galicia, con multas que poden superar os 600€.