Skip to main content
Láncara

A Deputación firma un convenio co Concello de Láncara para adquirir os terreos ao Adif

Por 17 Novembro, 2021Novembro 18th, 2021Sin comentarios

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este martes co Alcalde de Láncara, Darío Piñeiro, un convenio de colaboración a través do que a institución provincial achega ao Concello 75.000€ para que poida adquirir os terreos e os edificios ferroviarios que o Adif ten en desuso na Pobra de San Xiao. Este importe supón practicamente o 66% do financiamento total necesario para a compra desta propiedade, que conta cunha extensión de 21.000 m2 , mentres que o Concello asumirá os 36.600€ restantes. A sinatura do acordo tivo lugar nas propias instalacións, que se atopan sen actividade tralo desenvolvemento de novos trazados ferroviarios na provincia.

José Tomé subliñou que para a Deputación de Lugo “é unha satisfacción colaborar co Concello para adquirir estas dotacións pola transcendencia do proxecto sobre o que está traballando o Alcalde e o Goberno local para levar a cabo neste lugar”. Engadiu que a creación “dun gran espazo público, cunha ampla zona verde de lecer que unirá co río, e a posta en valor dos edificios ferroviarios, como a antiga estación do tren, terá un impacto moi positivo para o concello a nivel urbanístico, social e económico”.

Neste sentido, o Presidente explicou que o proxecto “suporá un avance importante cara un modelo de urbanismo máis sostible, máis humanizado e cun maior protagonismo para os peóns”. Subliñou que a veciñanza contará con máis e mellores dotacións públicas de ocio, “o que sempre mellora a calidade de vida da xente e axuda a facer comunidade”, pero ademais, “a recuperación destes terreos converterase nun novo atractivo para Láncara, nun elemento que atraerá a persoas doutros municipios para desfrutar dunha oferta de ocio de calidade, familiar e en contacto coa natureza, que é o que máis se valora na saída da pandemia”.

O Presidente puxo en valor a decisión do Alcalde e do equipo de goberno de Láncara de adquirir os terreos para poñer en marcha un proxecto ambicioso para a localidade, ademais se subliñar “a gran capacidade de negociación e de convicción” de Darío Piñeiro á hora de involucrar á Deputación nesta iniciativa. “Os representantes políticos temos a obriga de atender as cuestións do día a día dos nosos veciños e veciñas, pero tamén debemos pensar a longo prazo, ter visión de futuro, e iso é precisamente o que está facendo o Alcalde e o equipo de Goberno de Láncara coa compra destes terreos, impulsar un proxecto de futuro que contribuirá ao desenvolvemento social e económico do concello e a fixar poboación no rural”, manifestou.

Ao acto de sinatura do convenio asistiron tamén o Deputado de Promoción Económica e Social e tenente Alcalde de Láncara, Pablo Rivera Capón, a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, ademais de concelleiros e concelleiras do Goberno local, e de veciños e veciñas da localidade.

A Deputación con Láncara
Esta nova colaboración económica de 75.000€ que fai agora a Deputación de Lugo con Láncara súmase, entre outras, ao investimento de preto de 300.000€ que inxecta no Concello a través do Plan Único.

A institución tamén colaborou coa entidade local para a mellora e renovación da antiga escola de Láncara, situada na parroquia de Veiga de Outeiro, un proxecto no que se investiron 48.000€, dos que a Deputación achegou 46.000€, o 96% do total. Precisamente, o Presidente, xunto co Alcalde, ademais dos deputados Pilar García Porto e Pablo Rivera, e membros do Goberno local, supervisaron o resultado destes traballos na xornada deste martes.

As obras consistiron na unión das dúas salas que conforman o edificio nun único espazo, o que facilita a realización de actividades sociais e culturais. Tamén se remodelaron os aseos para facelos máis accesibles.

“A Deputación é o Concello dos Concellos, e como Concello grande ten como prioridade colaborar e axudar para que cada concello da provincia desenvolva iniciativas ou servizos que non poden abordar por si sos”, lembrou o Presidente. Nese senso, garantiu a vontade da Deputación de seguir apoiando ao Concello para mellorar a vida da veciñanza de Láncara.