Skip to main content
Cultura SARRIAXASarria

Entrevista: “No 2022 coincidirá o décimo aniversario da asociación, máis o décimo aniversario do festival”

Por 28 Novembro, 2021Febreiro 13th, 2023Sin comentarios

A Asociación Cultural Rúa da Música é unha asociación dedicada á música que naceu no ano 2012. Sen embargo, xa organizou dende o 2011, o festival Garitosis, un evento celebrado en setembro.

Cando naceu a asociación e por que?

A Asociación naceu no ano 2012, polo que, para o ano que ven, no 2022, cumprimos 10 anos. O colectivo naceu antes, cara o ano 2009 ou 2010, cando alugamos uns locais na rúa da Música para ensaiar. A partir de aí, comezamos a ter un certo movemento social no local e na rúa da Música polo que, en setembro do ano 2011 decidimos facer o primeiro festival de Garitosis, un evento que facemos en setembro todos os anos. Daquelas aínda non estaba constituída a asociación, sen embargo, a raíz do festival e de que comezamos a ver certo movemento entre os músicos da vila, en 2012 decidimos levala a cabo.

Que obxectivos teñen?

A asociación nace coma un local de ensaio para compartir entre os músicos da vila. Sobre todo é para os da rama da música moderna xa que para o clásico está a banda e a escola de música. Por tanto, o principal obxectivo é aglutinar aos músicos de Sarria e ofrecerlles un espazo para ensaiar, material, a posibilidade de tocar todos con todos e de intercambiar esa cultura.

Cantos socios pertencedes á asociación?

Este ano somos 82 socios.

Consideran que hai moita cultura musical en Sarria?

Si, sempre houbo. Tanto pola rama da música moderna, como pola rama da música clásica coma da música tradicional e, de feito, tamén se celebran bastantes festivais.

Os grupos que se atopan na asociación, son todos grupos de Sarria ou hai de outros lugares?

Agora mesmo temos na asociación tres ou catro grupos de fóra. Por exemplo, hai un de Lugo e aproveitan as nosas instalacións, así coma o material que temos para ensaiar. É un aspecto importante porque vemos que tamén estamos dando oportunidades visibles a xente que non é de Sarria. Ademais, si que é certo que a maioría de grupos de Sarria coma Sound Sisters, Louband, Malditos Roedores, etcétera, saen de aquí.

Por onde soen actuar os grupos da asociación?

En xeral movémonos pola provincia de Lugo e por Galicia aínda que hai grupos como Louband que ten concertos por fóra. O bo que ten a asociación é que alberga ensaios de grupos de todos os niveis, polo que cada grupo, dende a rúa da Música, pode organizar o seu futuro.

Como viviron os grupos a pandemia?

Mal. A asociación estivo pechada nos primeiros momentos da pandemia porque cando hai ese descoñecemento é difícil, ademais de que non podíamos abrir, nin nos podíamos xuntar. Despois, pouco a pouco empezamos a abrir o local para ensaios dos grupos que realmente están traballando e para que puideran ter ese sitio onde ensaiar e continuar coa súa rutina. Fomos pouco a pouco e, a verdade, non temos queixa. Como local social somos un colectivo forte en Sarria xa que somos bastantes socios, polo que perder non se vai perder aínda que tivésemos que pasar case dous anos en branco. Actualmente, despois de ter aberto para determinados ensaios que se facían a porta pechada, o local volve a funcionar como local social.

Por outro lado, unha das vertentes culturais que ten a asociación rúa da Música é que adoitábamos traer concertos dende que se iniciou. Agora co tema da pandemia, tivémolo que parar e estámolo retomando pouco a pouco. De feito, temos programado para novembro un concerto de Stephen Dale Petit, un músico de Reino Unido que ven facendo xira por España. Xa estivo no festival de Garitosis no último ano que o puidemos facer, no 2019. Por iso, para abrir o ciclo de concertos o vindeiro 20 de novembro, contamos con el. Anteriormente, os concertos eran abertos para calquera persoa da vila, sen embargo, co tema da pandemia, este concerto será tan só para os socios.

En canto aos grupos da asociación, están retomando os concertos actualmente?

Os grupos que estamos na asociación si que comezamos a saír, máis ou menos, estes últimos dous meses. Aínda que si que é certo que estamos comezando máis con concertos fóra. Os ensaios de cada banda tamén os seguimos mantendo. No caso dos concertos de outros grupos na asociación é algo que se está retomando pouco a pouco. En canto á planificación cultural, queríamos ter un concerto ao mes de media, como viña sendo máis ou menos habitual. Ademais, xa para o ano que vén, queremos retomar Garitosis e queremos facer unha serie de actividades relacionadas coa conmemoración do décimo aniversario.

En relación ao futuro, cales son os obxectivos e os plans?

Seguir medrando nos mesmos obxectivos que traíamos, é dicir, dando cobertura aos músicos e grupos de Sarria para que se coñezan e para que formen un grupo social forte na vila. Ademais, seguir traendo cultura á vila a través de concertos ou de calquera outro tipo de actividade cultural relacionada co noso ámbito, a música, e cada vez de mellor calidade.

Os grupos e músicos pertencentes á asociación, dedícanse exclusivamente á música ou tan só é un pasatempo?

Na asociación hai de todo porque somos moitos. Hai xente que se dedica profesionalmente á música, sendo mestre ou ensinando e tamén hai xente que o ten coma un hobby. Así mesmo, tamén hai persoas que o teñen coma un segundo traballo ou que, sen tocar nin dedicarse á música, colabora con nós porque é algo que lle gusta e co que desfruta.

Durante cantos anos se celebrou o festival de Garitosis?

O festival Garitosis nace no ano 2011 e, posteriormente faino a asociación, no ano 2012. O festival continuou ata o 2019 e parou a causa da pandemia. Estes dous últimos anos non se celebrou, polo que, no 2022 coincidirá o décimo aniversario da asociación, máis o décimo aniversario do festival.

Adoita ter boa acollida este festival?

Si. De feito, o festival comezámolo a facer na explanada de cemento que hai diante da asociación, alí na rúa da Música. Sen embargo, en poucos anos, o espazo quedouse pequeno e tivémolo que pasar ao Chanto, outro espazo no que non se puido quedar, xa que ao ser un festival no mes de setembro, a temperatura non é moi agradable. Por iso, finalmente, quedou establecido na praza da vila.

Pódese adiantar algo sobre o festival de Garitosis do ano que vén?

Aínda non. Sábese que vai a ser en setembro e que queremos que volva a ser unha Garitosis que lembre a historia da asociación con grupos locais. Aínda que sempre tivemos grupos locais ao longo da traxectoria do festival. Así mesmo, estanse organizando outras actividades e, ata aí podemos ler.