Skip to main content
Paradela

Chega unha xornada de actos en Paradela no día de mañá

Por 1 Novembro, 2021Sin comentarios

No día de mañá, martes 2 de novembro, vaise celebrar ás 13 horas no cemiterio de San Miguel de Paradela, capitalidade do concello, un acto en memoria dos alí enterrados, xa que grazas a eles o idioma pervive e medra entre nós. Este cemiterio destaca por ser o único de Galicia que posúe un panteón de paradelenses ilustres e, ademais, Paradela tamén conta cunha parroquia, San Facundo de Ribas de Miño, ten todas as lápidas do seu cemiterio en galego.

Na entrada do cemiterio vaise descubrir unha placa “Na memoria de todas as persoas que xacen aquí, porque Galicia segue a ter cultura e lingua de seu. Novembro, 2021”. A colocación desta placa está promovida polo Concello de Paradela e a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística.

No acto intervirán Xosé González Martínez, Presidente da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística; Xesús Mato Mato, musicólogo e Fillo Predilecto de Paradela; Javier Arias Fouz, Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Lugo, e José Manuel Mato Díaz, Alcalde de Paradela. Ademais, tamén asistirán a este acto Irene López, viuva do escritor Manuel Rodríguez López, e a familia de Manuel López López, O Lagoa.

A continuación visitarán o Panteón de Paradelenses Ilustres, único no seu xénero en Galicia, no que foi enterrado o escritor Manuel Rodríguez López, Fillo Predilecto de Paradela, ao que se lembra nunha placa en galego “polo seu destacado labor cultural como escritor, e polo amor demostrado a esta terra durante toda a súa vida”.

Visitarán, asimesmo, o nicho de Manuel López López, que el mesmo construíu e que, polo seu desexo foi rotulado en galego, que lembra “O canteiro que fixo este nicho, Manuel López López, (O LAGOA), finou o 2-05-2014, con 92 anos”.

Este acto, é a continuación – dous anos despois – do que se celebrou na Festa de Defuntos de 2019 no cemiterio parroquial de San Facundo de Ribas de Miño (Paradela), por ser o único de Galicia que ten todas as súas lápidas en galego.