Skip to main content
Paradela

O delegado do Goberno supervisa en Paradela a restauración do lugar de Pena

Por 24 Novembro, 2021Sin comentarios

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, destacou hoxe en Paradela que o Goberno está a rehabilitar o Camiño de Santiago ao paso por sete concellos da provincia de Lugo mediante un investimento de 3 millóns de euros. José Miñones repasou o estado destas inversións, que executa o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana no marco do Programa de Intervencións de Interese Cultural no Camiño de Santiago en concellos da Coruña e de Lugo. E apuntou que se trata dunha nova mostra do compromiso do Goberno coa celebración do Xacobeo.

Acompañado polo alcalde de Paradela, José Manuel Mato, e pola subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, José Miñones supervisou a rehabilitación do camiño francés ao paso polo lugar de Pena no que se están a investir preto de 600.000 euros. Este núcleo pertence á parroquia de Ferreiros e forma parte da etapa Sarria-Portomarín do Camiño Francés.

O proxecto de recuperación do núcleo tradicional da Pena céntrase na traza do Camiño de Santiago e na zona interior do núcleo. O delegado destacou que esta actuación combina “a restauración dos elementos tradicionais con outra de rehabilitación urbana de forma que se mellora a calidade de vida dos habitantes deste entorno”. Os traballos desenvólvense nunha superficie aproximada de 1.700 m2 e inclúen a dotación dos servizos de abastecemento, saneamento, rede de pluviais e o soterramento dos tendidos aéreos de baixa tensión e alumeado.

Rehabilitación do Camiño de Santiago

O Programa de Intervencións de Interese Cultural no Camiño de Santiago que desenvolve o Ministerio de Transportes componse de 10 proxectos que se desenvolven en 10 concellos das provincias de Lugo e da Coruña por onde pasa o Camiño Francés a Santiago. Na provincia de Lugo, o programa abrangue intervencións en Palas de Rei, Portomarín, Paradela, Sarria, Triacastela, Monterroso e Pedrafita do Cebreiro e na provincia da Coruña teñen lugar en Arzúa, O Pino e Melide. O investimento total entre as dúas provincias ascende a preto de 5 millóns de euros.

Investimentos no rural

Por outro lado, o delegado presentou as primeiras liñas de axuda do Goberno para apoiar a cohesión territorial dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia en especial nos municipios de Reto Demográfico: “concellos que estamos a priorizar tanto en investimentos como en reformas normativas para loitar contra o despoboamento do rural. En Lugo, dos 67 concellos desta provincia, 59 pertencen á categoría de reto demográfico, entre eles, Paradela”, indicou.

En concreto, anunciou que Paradela se beneficiará da convocatoria deste ano do Plan ÚNICO-Banda Ancha. A resolución do Ministerio de Asuntos Económicos inclúe a través de 47 conexións que permitirán o acceso a internet de alta velocidade a máis de 200 vivendas e empresas do Concello. Estas conexións súmanse ás que se están efectuando no marco do programa de banda ancha Plan PEBA, tamén do Ministerio de Asuntos Económicos, que permitirá levar este acceso de alta velocidade a 30 entidades de poboación do municipio.

Axudas a eficiencia enerxética
Xunto á conectividade, a segunda liña do Goberno para o rural céntrase no desenvolvemento urbano sostible. Trátase da convocatoria do programa DUS-5000, do Ministerio para a Transición Ecolóxica e que ten como obxectivo financiar proxectos de enerxías limpas.

O delegado animou a Paradela e ao resto de concellos do reto demográfico a aproveitar esta oportunidade para a que Galicia ten preasignados 45 millóns de euros para conceder axudas.

Lembrou que Paradela xa foi beneficiaria da convocatoria anterior do Ministerio para proxectos de eficiencia enerxética. Grazas a achega de 106.000 euros do Goberno, o Concello afrontou a renovación do alumeado municipal para facelo máis eficiente.
Axenda Urbana

Na súa intervención, José Miñones puxo en valor que Paradela alcanzase unha das subvencións concedidas polo Ministerio de Transportes para a elaboración de plans piloto de axenda urbana. En total o Goberno concedeu 121 axudas en toda España nas que

Paradela é o único concello galego de menos de 5.000 habitantes en conseguir unha delas.

O Ministerio concedeu ao goberno local de Paradela 50.000 euros para impulsar a elaboración do seu plan piloto de axenda urbana, un documento que poderán usar como exemplo outros municipios españois de características similares cando elaboren os seus propios documentos.