Skip to main content
Agro TERRACHÁXAComarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

Mañá os gandeiros sairán á rúa para protestar pola suba do prezo do leite

Por 3 Novembro, 2021Sin comentarios

Os gandeiros de Lugo sairán á rúa a vindeira semana, en concreto o xoves 4 de novembro, para reclamar unha suba do prezo do leite en orixe que compense o “incremento desmesurado” dos custos de produción que están a sufrir as explotacións como consecuencia da suba do prezo da luz, o gasóleo e os pensos.

A protesta, convocada pola asociación de gandeiros e gandeiras Agromuralla, arrincará ás 12 da mañá diante do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Lugo e discorrerá polas rúas da cidade até rematar diante da Subdelegación do Goberno, na rúa Armanyá.

Unha caravana de tractores acompañarán aos manifestantes no seu percorrido e quedarán durante todo o día estacionados na Ronda da Muralla, igual que o fixeran no 2015, unha imaxe convertida xa en símbolo da loita dos gandeiros e gandeiras por un prezo xusto para o leite que producen.

MEDIDAS INMEDIATAS

Agromuralla, que reúne a centos de gandeiros das provincias de Lugo e A Coruña, esixe ás Administracións públicas, tanto á Xunta de Galicia como ao Goberno central, “medidas urxentes que eviten un peche en cadea das explotacións” ante a “situación insostible” que viven os produtores de leite como consecuencia da “suba desmesurada” dos custos de produción.

“Este ano, desde o mes de xaneiro, o que nos custa producir disparouse, coas subas actuais no recibo da luz e o gasóleo e o incremento que se está danto nos pensos e as materias primas, pero o que nos pagan polo leite non se moveu e non nos dá para pagar os gastos, polo que estamos perdendo cartos todos os meses”, asegura o presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro.

A LEY OBRIGA A SUBIR O PREZO 

Agromuralla, que xurdiu a raíz das tractoradas arredor da Muralla de Lugo levadas a cabo a finais de 2015 en protesta polos baixos prezos do leite, explica que “o prezo do leite leva anos conxelado mentras os custos de produción non deixaron de medrar, especialmente neste último ano” e lembra que “a Ley da Cadea Alimentaria aprobada polo Ministerio de Agricultura obriga a que os prezos en orixe dos alimentos se adapten ao que custa producilos”.

Os gandeiros lerán un manifesto coas súas demandas diante da Xunta e a Subdelegación do Goberno, que presentarán a continuación por rexistro nas dúas institucións, con reivindicacións dirixidas tanto á Consellería do Medio Rural como ao Ministerio de Agricultura.

SUBAS DO 40% NA LUZ E DO 50% NAS MATERIAS PRIMAS

“Non se está a cumprir a Ley”, advirte José Luis Pérez Barreiro, que alerta de que nos últimos meses se está a producir un encarecemento en insumos básicos como o penso para a alimentación do gando, pola suba de materias primas como a colza, a soia ou a fariña de millo, que subiron un 50% no último ano; o gasóleo agrícola, que pasou de 55 céntimos a 85; ou o recibo da luz, con incrementos de máis do 40% tralo cambio no modelo tarifario aprobado polo Goberno; o que está a reducir a escasa marxe coa que traballaban as explotacións leiteiras, un sector estratéxico para o conxunto de Galicia que ve ameazada neste momento a súa viabilidade.

“Se non se adoptan medidas inmediatas, nos vindeiros meses haberá un peche en cadea das 7.000 explotacións que seguimos producindo leite en Galicia porque non seremos capaces de aguantar durante máis tempo esta situación”, asegura o presidente de Agromuralla.