Skip to main content
BegonteGuitiriz

A andaina contra a violencia de xénero na comarca será entre Pígara e Baamonde

Por 10 Novembro, 2021Decembro 23rd, 2021Sin comentarios

A Terra Chá reunirase este sábado, 13 de novembro, entre os concellos de Guitiriz e Begonte para realizar unha andaina contra a violencia de xénero organizada polo GDR Terra Chá.

Esta iniciativa estase a desenvolver en toda a provincia concentrándose en diferentes puntos por comarcas.

A ruta será de 5 quilómetros, con opción de realizar 2,5, e suporá unha seña de apoio entre as mulleres.

O punto de encontro será en Pígara, 11.30 horas, e dende alí os participantes desprazaranse ata Baamonde, no Concello de Begonte.

Ao finalizar haberá festa popular con comida, bebida e xogos infantís e o grupo organizador facilitará unha prenda conmemorativa aos participantes.

Para asistir haberá un servizo de autobuses que estará distribuído en dúas liñas. A primeira sairá de Riotorto ás 8.30 horas e pasará pola Pastoriza, Abadín, Muras, Xermade, Vilalba, Guitiriz e chegada a Pígara ás 11.30 horas.

O segundo autobús sairá de Castro de Rei ás 10.00 horas e pasará por Feria do Monte, Begonte e Baamonde antes de chegar a Pígara.

Os usuarios deberán estar dez minutos antes da chegada do bus diante da casa consistorial.

Os que prefiran levar o seu coche deben aparcar na contorna do colexio de Baamonde ás 11.00 e dende aí o bus levaralos ao principio da ruta.