Skip to main content
Begonte

Xunta e Concello firman o convenio para a reforma do colexio de Baamonde

Por 12 Novembro, 2021Novembro 13th, 2021Sin comentarios

A Xunta de Galicia colaborará co Concello de Begonte no acondicionamento dunha escola de música e a construción dun auditorio en Baamonde. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e o alcalde, José Ulla, asinaron un protocolo no que ambas administracións se comprometen a cofinanciar a reforma das edificacións do antigo colexio da localidade.

O obxectivo do concello é consolidar unha escola de música con acreditación de conservatorio que xestionará a asociación Músico Crisanto, dando continuidade á actividade que ven desenvolvendo dende o ano 2007 en Rábade, Begonte e Outeiro de Rei e que se estende polos municipios veciños.

Na actualidade o centro ten 150 alumnos e un total de 16 profesores de diferentes disciplinas e instrumentos, que imparten clase en espazos como o Centro Sociocultural e o Instituto de Rábade, a Casa da Cultura e o Centro Sociocultural de Begonte ou a Escola de Robra e o CEIP Laverde Ruiz en Outeiro de Rei.

Esta iniciativa servirá para agrupar a actividade musical nun centro único, mellorando tanto as condicións de ensino como as dotacións da escola en xeral.

Esta firma produciuse un día antes de que o PSOE levase ao Parlamento unha iniciativa para reclamar o proxecto para o uso das instalacións do antigo CEIP de Baamonde.