Skip to main content
Axenda Caducada

Begonte desenvolve un amplo programa contra a violencia de xénero

Por 19 Novembro, 2021Novembro 30th, 2021Sin comentarios

O Concello de Begonte preparou un amplo programa de actividades para celebrar o Día contra a violencia de xénero. Así, a primeira delas será un concurso de lemas para o que xa está aberto o prazo de participación, que se prolongará ata o 25 deste mes.

Os intesados en participar poderán enviar un debuxo ou unha fotografía cun lema orixinal contra a violencia de xénero.

As propostas deberán entregarse a través do correo electrónico cultura@concellodebegonte.es.

Todas elas serán publicadas nas redes sociais do Concello e levarán como agasallo o xogo de mesa dos Bolechas Begonte en Igualdade, un xogo didáctico adecuado para a diversión en familia e tamén con amizades que promove a igualdade e a erradicación da violencia de xénero.

Ademais complétase con coñecementos xerais sobre o Concello, a súa historia, patrimonio, natureza, etc.

Por outra banda, un ano máis o Concello de Begonte súmase á campaña de sensibilización contra a violencia de xénero con varios actos e actividades.

A primeira destas actividades terá lugar o luns 22, cun obradoiro de educación afectivo sexual na casa da cultura, ás 16.45 horas.

O propio Día contra a violencia de xénero, haberá unha concentración silenciosa para lembrar a todas as vítimas da violencia. Será ás 12.00 horas diante do Concello. Esta manifestación completarase cunha andaina por Begonte o día 27, sábado.  A saída está prevista dende o CEIP Virxe do Corpiño ás 16.30 horas. Para participar será necesaria inscrición previa antes do 25 N.

O domingo 28 será tempo de cine, coa proxección do filme Brave, apta para todos os públicos. Será na casa da cultura, ás 18.00 horas.

Tamén esa fin de semana e seguindo a tradición os equipos de fútbol sala do Concello de Begonte disputarán os seus partidos de categorías sénior masculino e feminino cunha camiseta conmemorativa do 25N.

A programación rematará o día 30, martes, cunha charla formativa sobre agresións sexuais e violencia sexual no CEIP Plurilingüe Virxe do Corpiño.