Skip to main content
Castro de Rei LUGOXACastro de Rei TERRACHÁXAO Corgo

23 exemplares da Granxa Gayoso participaron na XCVI Poxa de Gando Vacún de Adai

Por 14 Novembro, 2021Novembro 15th, 2021Sin comentarios

O recinto gandeiro de Adai, no municipio do Corgo, nunca falla e nesta ocasión volveu albergar unha das feiras máis exitosas das celebradas pola Asociación de Criadores de Raza Loura Galega neste mercado. Nin o frío nin a néboa que acompañaron as máis de dúas horas de poxa restaron afluencia e ganas aos asistentes a esta nova cita, que polas súas cotizacións e número de animais adxudicados máis parecía a cita nacional de xuño que a poxa de outono, que adoita ser máis discreta tanto en prezos, como en vendas e en participación. Con todo, hoxe adxudicáronse 26 dos 27 animais presentados; as 23 xatas do centro de recría da Granxa Gayoso Castro da Deputación de Lugo vendéronse moi por encima do seu prezo de saída, fixado en 1.950€, o que as levou a alcanzar un prezo medio excelente, de 2.300 euros. A nota máis significativa da poxa, o prezo récord para esta poxa de outono dunha #xato de Acruga vendida en 3.650 euros, tras unha poxa en grao sumo disputada entre catro gandeiros.

A poxa comezou timidamente coa presentación dos tres touros pertencentes a gandeiros particulares. As poxas cubríronse no prezo de saída, en dúas dos casos, mentres que un dos exemplares quedou deserto. Este inicio non foi para nada a tónica do resto da poxa; de feito, a primeira das xatas que entraba no anel de poxas adxudicouse en 2.550 euros. E é que a calidade dos exemplares procedentes do centro de recría da Deputación de Lugo foi un dato que nesta ocasión estivo moi presente. Tanto é así, que todos os animais subiron moi por encima do prezo de saída, lanzando un prezo medio de 2.300 euros, ao que nunca se chegou nesta poxa de outono. As cotizacións, o ambiente e as poxas tan disputadas parecían propias da poxa de xuño. De feito, do mesmo xeito que entón, nesta tamén se bateu un récord propio: os 3.650 euros que pagou un gandeiro de Castroverde por unha das mellores xatas do lote, a segunda coa cualificación morfolóxica máis alta no Libro Xenealóxico, que determina a calidade e as características do prototipo racial de cada exemplar.

A participación foi outra das cuestións máis destacadas nesta poxa, na que 55 gandeiros e gandeiras, a gran maioría da provincia de Lugo, sacaron a tarxeta que lles permitía poxar por un dos 27 animais presentados esta mañá. Entre as autoridades estiveron presentes, entre outros, o alcalde do Corgo, Felipe Labrada; o deputado de Recursos Sostibles da Deputación de Lugo, Roberto Fernández; a directora da granxa Gayoso Castro, Sonia Verdes; o secretario da Subdelegación do Goberno en Lugo, Víctor Fraga; e o presidente do Colexio de Veterinarios, José Luis Benedito Castellote. Acompañando a todos eles estivo o presidente de Acruga, César Dourado, que mostrou a súa satisfacción polos resultados da poxa incidindo en que “había demanda, pero o que de verdade influíu nos excelentes resultados de hoxe foi a calidade das xatas. Había un nivel altísimo, do mellor que trouxemos a Adai, e iso os gandeiros veno”.
Pasadas as dúas e cuarto da tarde finalizou esta edición número 96 da poxa nacional de Adai, que será unha das últimas poxas do ano para a Asociación de Criadores de Raza Loura Galega.

GRANXA GAYOSO

Os Deputados de Recursos Sostibles e Medio Ambiente, Roberto Fernández Rico e José Luis Raposo, xunto ao presidente de ACRUGA, César Dorado Pin, e outras autoridades, participaron este sábado na XCVI Poxa de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega no recinto feiral de Adai, no concello do Corgo. A Granxa Gayoso Castro da Deputación de Lugo presentou 23 exemplares de raza autóctona á este certame. 

Esta nova edición da poxa e o concurso de Adai contou cunha trintena de animais: tres xovencas e tres machos de gandeirías particulares, e outras 23 xovencas preñadas do centro de recría da institución provincial, que tiveron un prezo de saída de 1.950 euros e que, de media, chegaron a venderse por uns 2.300 euros.

A Deputación de Lugo mantén unha importante colaboración con ACRUGA, ao que lle destina unha achega total de 1,4 millóns de euros dende 2019 e ata o 2022. Esta colaboración destínase por unha banda, para unha liña de axudas directas a explotacións lucenses polo primeiro parto das femias reprodutoras inscritas no rexistro xenealóxico; e por outra banda, a institución provincial mantén unha colaboración directa con ACRUGA para a recría e mellora xenética dos animais nas instalacións da Granxa Gayoso Castro.