Skip to main content
CospeitoDeportes TERRACHÁXA

40 anos do SD Muimenta

Por 1 Novembro, 2021Novembro 2nd, 2021Sin comentarios

O equipo de fútbol fixo cambios importantes durante este tempo de descanso para mellorar o Pichón, o seu campo de referencia mentres espera que a situación mellore para poder festexar o 40 aniversario da súa federación.

Esta tempada tócalle ao Muimenta celebrar o seu 40 aniversario de fundación e faino neste ano no que os xogadores das categorías autonómicas, ou rexionais como tamén se chaman, volven aos campos tras un ano e medio de parón debido á covid, xa que o fútbol afeccionado sénior non fixo competición o ano pasado debido á baixa inscrición de equipos na Liga.

O club festexa por tanto un dobre evento e lembra o seu nacemento, aló polo ano 1951, cando un grupo de amigos decidiu xuntarse os domingos polas tardes para xogar.

Ano tras ano foi collendo máis afección, ata empezar a participar en ligas coma a da Terra Chá, onde colaboraban concellos como Cospeito, Castro de Rei e Meira.

No ano 1961 un grupo de veciños xestionaron os terreos do actual campo do Pichón, para que o Muimenta tivera campo propio e logo todo foi crecer.

Pero non sería 30 anos despois, no ano 1981, cando sendo presidente do SD Muimenta Perfecto Morán, o club fedérase e entra a formar parte das competicións oficiais cun campo xa preparado baixo a normativa necesaria. Acompañaban nesta andaina á directiva o vicepresidente Félix Pacio; o secretario Pepe da Caixa, o tesoureiro Manuel Vila e como vogais Lino, Kiko, Toñito de Neira, Avelino do Xastre, Carlos García, Penelas e Darío. Os adestradores do momento eran Del Árbol, Nito e Irenio.

Tempo máis tarde, aproveitando a celebración do seu 25 aniversario, logran o ansiado ascenso a Primeira Rexional. A traxectoria do club foi sempre positiva pola súa implicación coa vila e o deporte e nela figuran como non podía ser doutro xeito ascensos e descensos e hoxe en día conforman a Segunda Galicia, categoría na que se mantiveron os últimos anos.

Se o primeiro ascenso do club a Primeira foi importante, tamén foi fundamental para o seu crecemento contar cun campo e material necesarios para a práctica deportiva e melloralo como foi a incorporación de gradas e vestiarios. Tamén houbo outras melloras importantes recientes como novas torretas de iluminación, asentos nas novas gradas, un pequeño ximnasio nos antigos vestiarios e unha pequena zona de adestramento para non estropear o campo de xogo, que vén de ser inaugurada.

A pesar dos desexos do club, para conmemorar este 40 aniversario non está prevista ningunha celebración especial debido á alerta sanitaria pero non descartan facelo se a situación segue mellorando co obxectivo de poder reunir a socios, ex directivos, directivos, ex xogadores e xogadores.

Hoxe o club está presidido por José Seoane, ao que acompañan Zaira Vázquez como secretaria; Jesús Vigo como secretario e José Miguel Vázquez como tesoureiro. Con eles están sete vogais máis: Fernando Carreiras, Lucía Anllo, Iván Peña, Iván Iglesias, Diego Eiras, Gema Lamas e Hugo Engroba.

O EQUIPO DESTE ANO

Este ano o equipo queda formado casi polos mesmos xogadores que o integraban antes de que se parara a competición, agás dous deles, que por motivos laborais ou personais este ano non poden xogar. Así, continúan entre outros Julio Rodríguez, Jairo Gegunded, Fernando Val, Samuel Seijas, Daniel Irimia, Pablo Regueiro, Diego González, Álex Barja, Rubén, Edu, Matías, Julio, Iago e os irmáns Morán. Baixo paus seguirán Javier Alonso e Javier Noche e de capitán Hugo Engroba.

Tiveron catro novas incorporacións de xogadores: Adrián Fernández, Diego seara, Rubén Pena e José Ángel Carballeda. Como primeiro adestrador está José Cendán Basi e de segundo Jesús Vigo.

Tamén houbo cambios na directiva para dar entrada a novas e novos compañeiros.

Polo de pronto non falta a ilusión de “como mínimo” manterse na categoría aínda que este ano o principal será volver desfrutar deste deporte despois de tanto tempo parados.

A dificultade que atopan, segundo explican dede o club, é a mesma que teñen equipos como o Muimenta, afeccionados que teñen un orzamento modesto polo que resulta complicado cumprir con todos os novos protocolos esixidos. Pero non falta intención de continuar malia que teñan que ser “prudentes, estar pendentes tanto nos adestramentos, partidos e demais momentos de que se cumpre todo o que nos marcan e iso condiciónanos tanto economicamente como deportivamente”.

PROXECTO DE FUTURO

Todos os anos o club plantéxase un reto o un proxecto para levar a cabo. Un dos máis habituais é a formación dun equipo xuvenil para poder nutrir ao conxunto sénior. Esta idea, que ronda todos os anos e que se viu materializada a finais dos anos 80 cando Pepe Vallejo e Suso Alvariño presidían o club, foi descartada en varias ocasións por dous puntos negativos, por unha banda a escaseza de nenos no municipio e tamén pola dificultade económica que supón ser un club modesto.
“Sabemos que sería importante para darlle continuidade ao fútbol en Muimenta poder ter equipo de base pero non o damos materializado”, engade Miguel Vázquez, directivo do club.

Para este ano non queren desvelar cal será o novo proxecto no que traballarán pero si afirmar que mantén o obxectivo de sempre de que “siga existindo fútbol en Muimenta e se poidan xuntar os amigos no campo”.

De feito, o club está moi respaldado pola súa afección, “sempre están aí para axudarnos no que necesitemos, estean nos partidos ou non. Moitos deles apóiannos, non só coa aportación económica, senón axudando no mantemento das instalacións ou dándonos consellos e opinións para mellorar e facer máis fácil o día a día no club.

Polo que cando toda esta alerta da covid remate o club preparará unha xuntanza para recuperar esa unión de xogadores, socios e todos os que traballan ao seu lado desfrutando das instalacións do club.

No capítulo de necesidades, o club reitera unha carencia económica e a falta de xogadores, “xente da zona que queira vir ao campo e adestar e xogar desinteresadamente”, indica Miguel.

Porque o tema económico é sempre o eixo do mantemento do club. As instalacions que hai dentro dos terreos da SD Muimenta son do pobo entón necesítase bastante axuda.

Os socios e negocios da localidade e arredores son principalmente o sustento desta aportación económica que necesita o club, que tamén conta coa colaboración do Concello de Cospeito, a Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia e a Federación de Fútbol.