Skip to main content
Cospeito

Andrea Fernández Maneiro gaña o certame Torre de Caldaloba

Por 8 Novembro, 2021Novembro 9th, 2021Sin comentarios

O IV Certame de Poesía Torre de Caldaloba, convocado polo Concello de Cospeito e a Asociación Recreativa e Cultural de San Martiño de Pino, en colaboración con Culturalia GZ, xa ten obras gañadoras.

O xurado de dito certame reuniuse este sábado 6 de novembro no salón de plenos do Concello de Cospeito e, despois dunha longa deliberación, fallou por maioría de votos conceder o primeiro premio da categoría de 18 anos en diante á obra Contra-Tempos, cuxa autoría, unha vez aberta a plica, corresponde a Andrea Fernández Maneiro, de Vilagarcía de Arousa, por “tratarse dun poemario moi equilibrado, cunha voz poética potente e conmovedora, que outorga visibilidade a unha temática tan silenciada como é a da saúde mental”.

E o segundo premio recaeu na obra Da Carne, cuxo autor é Rafael Lobelle González, de Chantada, porque, segundo o criterio do xurado, “estamos ante unha poesía escénica, ben estruturada, que se abre a diferentes dimensións e interpretacións, destacando a riqueza cromática no xogo das palabras”.

A categoría de menores de 18 anos quedou deserta por ausencia de participación.

A entrega de premios está prevista para o vindeiro sábado 13 de novembro de 2021, no local social de Pino, lugar onde se sitúa a Torre de Caldaloba.

O xurado estivo composto por Beatriz Dourado, Adolfina Mesa, Armando Requeixo, Patricia Torrado Queiruga e Xosé Otero Canto, actuando como secretario, con voz mais sen voto, Martiño Maseda.