Skip to main content
Outeiro de Rei LUGOXAOuteiro de Rei TERRACHÁXA

Documentan varios bens patrimoniais en Outeiro de Rei

Por 28 novembro, 2021decembro 4th, 2021Sin comentarios

O Colectivo Patrimonio dos Ancares solicitou a Patrimonio da Xunta de Galicia a catalogación de varios bens que teñen documentados no concello de Outeiro de Rei.

Durante unha tala na parroquia de Vicinte localizaron unha mámoa de 14 metros de diámetro e unha altura de 0,70 metros; no centro ten un cráter de violación duns 2 metros de diámetro. Despois da tala de piñeiros plantaron eucaliptos.

Nunha carballeira do lugar de Seivane, na parroquia de Parada, na parte alta dunha pena granítica arredondada, documentaron nove cazoletas, catro de 10 centímetros de diámetro, e cinco de 5 centímetros de diámetro. Tres das coviñas máis grandes están aliñadas. As persoas que as gravaron semella que elixiron esta pedra porque destacaba sobre as restantes da contorna. A pé desta rocha hai outra onde se ve unha pía. Pode tratarse dun altar ritual.

De moito interese é un sartego antropoide dobre que localizaron en Gondai, nas inmediacións da igrexa parroquial de San Xoán de Parada. Dos preto de 200 sepulcros antropomorfos que se conservan na provincia de Lugo, só unha media ducia presentan a característica de acoller dous corpos. “Por iso, a pesares da súa rareza, sorprendeunos que estea sen catalogar”, dixeron. Escavado na rocha viva, procurouse un espazo que se axustaba ao tamaño dos cadáveres. A parte escavado mide 1,80 metros de longo, 0,85 metros de ancho na parte dos ombreiros, e 0,66 metros de ancho na parte destinada aos pés; os ocos que acollían as cabezas teñen unhas medidas de 25 por 22 centímetros. Polo interior ten unha altura de 25 centímetros, e polo exterior 30 centímetros. A tampa sepulcral ou lauda que o cubría desapareceu.

“Aínda que a ausencia doutros datos só nos permite facer hipóteses canto á súa cronoloxía, cremos que pode ser de época altomedieval (entre os séculos V e X). De feito, documentos dos anos 747 e 841 (séculos VIII e IX) citan a igrexa de Sancti Joannis de Parata (San Xoán de Parada) que, segundo deixou escrito o etimólogo e sacerdote don Nicandro Ares Vázquez, puído pertencer a un primitivo mosteiro que había nas inmediacións e do que non quedan restos. Tomando como exemplo outros sepulcros dobres, debeu acoller os cadáveres dunha parella”, conclúen.