Skip to main content
Comarca TERRACHÁXACospeito

A Deputación achega unha axuda para un parque na praza da Bretoña da Pastoriza

Por 28 Novembro, 2021Decembro 15th, 2021Sin comentarios

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou co alcalde da Pastoriza, Primitivo Iglesias, dous convenios de colaboración entre ambas administracións para a creación dun parque infantil e a edición de varios libros. A institución provincial achega en total preto de 50.000€ para a posta en marcha destas iniciativas que permiten por en valor o concello chairego.

Por unha banda, a Deputación de Lugo achegará ao Concello 34.989,57€ para a construción dun parque infantil na praza da Bretoña. A entidade local achegará os proxectos técnicos, os terreos precisos e os permisos e autorizacións para levar a cabo as obras e actuacións necesarias.

Por outra banda, a institución colabora con 13.754€ na edición dun estudo sociolóxico sobre a crise demográfica no concello da Pastoriza, do poemario Berce máxico e Uterino (Lendas da Lagoa de Fonmiñá) e dun libro sobre o concello chairego. Estas publicacións serán financiadas pola Deputación de Lugo e levaranse a cabo co obxectivo de dar a coñecer a historia e o patrimonio cultural da Pastoriza.

O presidente subliñou que para a Deputación de Lugo “é unha satisfacción colaborar co Concello para a posta en marcha destas iniciativas que beneficiarán ás familias, dando alternativas lúdicas e de ocio para os máis pequenos, e darán a coñecer as características e a riqueza histórica e patrimonial do municipio, co que contribúen á promoción do territorio”.

Esta nova colaboración económica súmase ao investimento de preto de 330.000€ que a institución provincial inxecta no Concello a través do Plan Único. A Deputación ten como prioridade cooperar cos concellos da provincia para que poidan ofrecer máis e mellores servizos aos veciños e veciñas.