Skip to main content
As Pontes

Destinan cen millóns de euros e nomearán un coodinador para as axudas á transición xusta

Por 20 Novembro, 2021Sin comentarios

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, mantivo un encontro, en Ferrol, para abordar as novidades relativas aos fondos de transición xusta. Miñones avanzou que o Plan de Recuperación contempla unha nova partida de 100 millóns de euros destinada a Transición.

Segundo indicou o delegado, Galicia conta xa cunha asignación de 111 millóns para afrontar os retos económicos vinculados á transición coa vontade de “crear emprego, garantir a actividade nas áreas afectadas e fixar poboación”.

Os 19 concellos que poderán optar a estas axudas concéntranse nas provincias da Coruña e Lugo, e polo peche da central de Endesa, ademais das Pontes inclúense A Capela, San Sadurniño, As Somozas, Mañón, Monfero, Moeche, Cerdido, Cabanas, Ortigueira e Ferrol. E xa na provincia de Lugo están, Xermade, Vilalba e Muras.

Os traballados de coordinación arrincarán o próximo mes de xaneiro e o delegado do Goberno quixo subliñar o apoio do Goberno central ás áreas das Pontes e Cerceda.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, solicitaba o pasado outubro á Ministra de Transición, Teresa Rivera, a inclusión de Ferrol, Neda, Fene, Mugardos e Narón nos protocolos, durante un encontro celebrado en Madrid. Finalmente a cabeceira de comarca, Ferrol, será o único municipio desa listaxe que poida optar a esta liña de axudas.

O Goberno, segundo trasladaba Miñones, impulsará un plan de formación para as zonas afectadas e transferirá 20 millóns de euros ás Comunidades Autónomas para este fin, o cal implicará directamente á Xunta de Galicia.

Esta formación dividirase en dúas etapas e terá cursos en materia de transición e emprego verde co obxectivo de fixar a poboación nos municipios afectados.

Outras das novidades anunciadas polo Goberno é a contratación a partir de xaneiro do próximo ano dunha persoa en Galicia que servirá de ligazón con Madrid para coordinar os investimentos e actuacións destes proxectos. E ademais, o Goberno impulsará un plan de formación para todas as zonas afectadas en España, que estará dotado de vinte millóns de euros dentro dos Orzamentos Xerais do Estado e que transferirá ás comunidades autónomas.