Skip to main content
Vilalba

O PP de Vilalba pide ao goberno local avanzar na eliminación das barreiras arquitectónicas

Por 25 Novembro, 2021Sin comentarios

O Grupo Municipal Popular de Vilalba pedirá ao goberno local no vindeiro pleno da corporación adoptar medidas de cara á eliminación total das barreiras arquitectónicas nas rúas vilalbesas e a mellorar o control sobre a colocación e recollida de vallas de obra. Nese sentido, piden que o goberno local tramite o máis axilmente posible os permisos oportunos para o desenvolvemento de obras que afectan a fachadas de edificios nas principais rúas de Vilalba de cara a diminuír o risco de desprendementos e, polo tanto, reducir tamén o tempo que permanezan instaladas as vallas de obra.

A voceira, Sandra Vázquez, explica que “é certo que se leva moito avanzado na eliminación dos obstáculos físicos que impiden ou dificultan acceder ou moverse por diferentes espazos públicos en Vilalba; pero é necesario avanzar na eliminación total destas barreiras arquitectónicas de cara á non discriminación de grupos vulnerables”. A popular sinala que “unha mala colocación dos contedores do lixo ou unha mala ubicación dunha sinal de tráfico -coma acontece na rúa da Pravia- ou a falta de rebaixes nalgunhas beirarrúas -coma na avenida Plácido Peña- dificultan seriamente o acceso a persoas con mobilidade reducida”.

“As vallas de obra, se ben son necesarias para sinalizar obras e cercar zonas que poidan constituír certos perigos para os vehículos e viandantes, tamén constitúen un obstáculo. É por iso polo que a súa instalación debe ser controlada e, ao mesmo tempo, ao ser de carácter provisional, debería durar o menor tempo posible e non meses coma no caso das vallas colocadas diante edificios con risco de desprendementos das súas fachadas que levan moito tempo agardando os permisos do Concello”, expón. “Hai casos de vallas colocadas con criterio xusto, pero tamén outras espalladas por Vilalba sen criterio ningún que dan imaxe de abandono e descontrol”, lamenta tamén a popular.

25N

Tendo en conta que se conmemora o Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero; Vázquez lembrou que o Grupo Municipal Popular ten trasladado aos grupos que conforman a corporación unha proposta de cara á aprobación dunha Declaración Institucional para “visibilizar a violencia machista e reivindicar a igualdade de dereitos para todos. É un asunto que transcende as diferenzas políticas”, manifestou a portavoz popular.