Skip to main content
Vilalba

Organizan en Vilalba un concurso de decoración de casas polo nadal

Por 28 Novembro, 2021Sin comentarios

Vilalba estrea este ano un concurso de decoración de casas, fachadas e balcóns de Nadal co obxectivo de crear un ambiente festivo nas rúas do municipio no Nadal, embelecendo as rúas e facendo partícipe á cidadanía.

A participación neste concurso está aberta a todas aquelas vivendas, tanto do casco urbano como do rural de Vilalba. Unicamente se permitirá unha participación por vivenda e persoa maior de idade.

As decoracións estarán relacionadas coa temática de Nadal, debendo estar visibles desde a rúa entre o 21 de decembro de 2021 e o 6 de xaneiro de 2022. Concretamente, valorarase a decoración de vivendas nas fachadas, xardíns, balcóns e xanelas. As visitas do xurado ás vivendas participantes faranse en calquera momento durante o período citado, sen previo aviso.

Os criterios de valoración, puntuados cada un entre 0 e 5 puntos, serán a orixinalidade e complexidade, a artesanía, o deseño, a decoración con material reciclado e a iluminación.

Premiaranse as tres mellores decoracións, cun premio de 200 euros para o primeiro clasificado, un de 150 euros para o segundo e outro 100 euros para o terceiro. Ademais, premiarase con 50 euros á decoración que logre máis “me gusta” ou “me encanta” en Facebook ata o 6 de xaneiro de 2022, un premio compatible co resto de galardóns.

As inscricións neste certame estarán abertas ata o próximo 17 de decembro de 2021, podendo realizarse na sede electrónica do Concello (https://vilalba.sedelectronica.es/info.0) ou presencialmente por rexistro, en horario de 9:00 a 14:00 e entregando o documento de inscrición dispoñible na web do Concello de Vilalba (http://www.vilalba.org/) e na oficina de cultura.