Skip to main content
Deportes TERRACHÁXAVilalba

O rubgy aséntase en Vilalba

Por 28 Novembro, 2021Novembro 30th, 2021Sin comentarios

Un colectivo de afeccionados e profesionais do rugby puxeron en marcha este ano en Vilalba un novo club deportivo, o Capóns Vilalba Rugby Club, que ten como obxectivo o asentamento deste deporte no municipio, onde comezaron coas primeiras actividades tras un mes e medio da súa constitución oficial.

Este sábado celebrouse en Vilalba a I Xuntanza de Escola de Rugby, a posta de largo do club Capóns Vilalba para darse a coñecer un pouco máis entre os veciños e poñer en valor o traballo que se está realizando dende o inicio do curso escolar nos centros Insua Bermúdez e Mato Vizoso. Esta xuntanza reuniu a preto de 70 pequenos e pequenas de entre 6 e 12 anos que practican rugby en Galicia.

Pero non é esta a primeira acción que se realiza en Vilalba en pro do rugby. De feito, xa levaban anos mostrando o deporte e a súa práctica nos centros a través de charlas e sesións illadas, iniciativa lastrada o ano pasado pola chegada da covid.

Pero este ano, nestes dous centros de infantil e primaria, en común acordo coa dirección e as anpas, estanse a levar a cabo actividades extraescolares, que tiveron unha espectacular acollida e que foron o xerme da formación do club. De feito, no primeiro centro contan con 28 rapaces que dúas veces á semana adestran para aprender e practicar este deporte.

O segundo centro tamén conta con 6 rapaces apuntados e está previsto poñer en marcha un grupo en próximas datas.

O novo club está presidido por Alfredo Pintor, coñecido deportivamente como Tejero, xunto a un grupo de colaboradores, todos ligados ao rugby en Galicia, e de feito Tejero, que está adestrando parte do Muralla Rugb Club, é seleccionador galego sub 16.

Pero o proxecto deste novo club ten un fin maior. Xunto aos outros da provincia como o de Ribadeo, o Asterix de Viveiro, o Muralla de Lugo, o Landrús de Sarria ademais do veciño ourensán Sumi XV e o Fendetestas das Pontes, puxeron en marcha hai uns anos o proxecto Rugby no Rural, que ten como obxectivo conseguir financiamento para implantar o deporte en todos os concellos nos que se poidan e impulsar nos deportistas os que consideran valores fundamentais deste proxecto, o respecto, o esfozo, o sacrificio e a consecuncion de obxectivos.

A actividade realizada en Vilalba o sábado vai nesa liña, co fin de facer unha xuntanza non competitiva, na que os pequenos aprendan e se divirtan co rugby, unha iniciativa que foi respaldada polos pais participantes.

Agora mesmo o Capóns Vilalba, con tan só un mes e medio de vida, está dando os primeiros pasos formando aos rapaces que queren aprender e practicar este deporte pero non se descarta nun futuro entrar no mundo da competición dentro da Federación Galega.