Skip to main content
Vilalba

O PP de Vilalba urxe a posta en marcha das actividades de Nadal e das aulas da terceira idade

Por 29 Novembro, 2021Sin comentarios

A piques de comezar o mes de decembro, o Grupo Municipal Popular de Vilalba quere coñecer as previsións do goberno local de cara ao desenvolvemento de actividades de Nadal dirixidas a pequenos e maiores.

A voceira popular, Sandra Vázquez, explica que se trata dunha “época que os pequenos agardan con ilusión e na que tamén debemos lembrar aos nosos maiores que, nalgúns casos, se atopan en situación de vulnerabilidade”.

En relación aos maiores, tamén se interesarán no vindeiro pleno por coñecer cando ten pensado o goberno local dar inicio ás aulas da terceira idade, “un programa de actividades moi valorado e solicitado polos maiores”.

Unha das citas tradicionais do Nadal en Vilalba é a Feira do Capón que, despois de sufrir os efectos negativos da pandemia nos anos anteriores, este ano se prevé celebrar o 21 de decembro para vender os capóns coidados con mimo polos criadores.  Tendo en conta que os transportistas teñen anunciado folga entre os días 19 e 22 de decembro, datas clave para a distribución destes produtos e que, polo tanto, “pode supoñer consecuencias de calado para os criadores”, os populares queren coñecer “que previsións ten o equipo de goberno en relación a este asunto”.

Outras iniciativas

O Grupo Municipal Popular tamén insta aos representantes do goberno municipal do Concello de Vilalba a que “desempeñen as súas funcións, dereitos e obrigacións en igualdade de condicións a toda a cidadanía”. Concretamente, urxen a que dean resposta “ás peticións de reunión presentadas de maneira telefónica no mes de agosto e telemática o mes de setembro”.

Igualmente, instan ao goberno local a actualizar a páxina web institucional do Concello, que é o portal dixital de información para moitos veciños, co obxectivo de “evitar erros e confusións”.

En relación ao Museo de Vilalba (Mupav), os populares queren coñecer cando vai remitir o goberno aos grupos políticos o informe externo que tiñan previsto presentar a primeira semana de outubro; así coma as actuacións que ao respecto prevé o goberno local.