Skip to main content
Xermade

O Pleno de Xermade aproba uns orzamentos criticados polo PP

Por 23 Novembro, 2021Sin comentarios

O Pleno xermadino reuniuse en sesión extraordinaria para aprobar os orzamentos para o exercicio 2022. As contas increméntanse en 64.164,73 euros respecto ao exercicio 2021.

A capacidade investidora aumenta notablemente respecto ao ano en curso, dado que no 2022 o Concello de Xermade debe achegar 55.220 euros para a construción da depuradora do Campo da Feira-Momán, unha obra que executará a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e que se prevé remate no ano 2023. Ademais, prevese a achega municipal aos investimentos do Plan Único e o Plan de Mellora de Camiños de Agader, que ascende a un total de 28.861,80 euros.

Como en anos anteriores, dáselle continuidade ás axudas a asociacións, festexos, Uned Sénior, Educando en familia, clubes de fútbol e eventos deportivos, agardando que no 2022 podan celebrarse, do mesmo xeito que o Encontro Internacional de Torneiros da Madeira, e como novidade prevese unha axuda de 500 euros para a ANPA do CEIP Xermade.

Un dos gastos de maior relevancia é o contrato do Servizo de Axuda no Fogar, que supón un gasto de 744.886,80 euros. Grazas ao incremento da achega da Xunta de Galicia ao SAF dependencia derivado do convenio recentemente asinado coa FEGAMP, o Concello de Xermade no 2022 deixará de achegar 61.666,80 euros, que ata o momento era sufragados polas arcas municipais.

Co obxectivo de reforzar os servizos públicos que se veñen prestando á veciñanza con medios propios, recentemente cubríronse as dúas vacantes de operario de servizos múltiples.

PARTIDO POPULAR

O voceiro do PP de Xermade, Antonio Riveira, critica “a falta de inversións por parte do Concello” nos orzamentos municipais para o 2022 que foron aprobados polo goberno local do PSOE no pleno extraordinario do pasado xoves co voto en contra do PP. “O goberno local non consensuou nin consultou coa oposición as contas que foron presentadas o luns sen máis tempo para analizar ou poder aportar calquera cuestión de cara á súa modificación”.

O popular explica que “as contas municipais só contemplan que o Concello aporte 42.800 euros en inversións, basicamente para a participación que lle corresponde nas obras executadas por outras administracións”, explica Riveira.

O voceiro do PP condena que “o goberno local non prevé solucionar a desfeita creada coa aprobación inicial do inventario de camiños nin avanzar noutros asuntos de interese coma a corrección do planeamento urbanístico- que, entre outras cuestións, impide edificar en núcleos onde si terían dereito-”. Tamén considera “insuficiente” unha transferencia de 51.600 euros para participar na renovación da depuradora de Momán e lamenta que “nunca se fixo caso a prestar axuda aos sectores afectados pola pandemia e tampouco se ten en conta agora”.

O popular remarca tamén que “os ingresos do Concello confirman que dende que se iniciou este mandato, subiron tódolos impostos en Xermade. O último en confirmarse foi o IBI de rústica e urbana que sube para o próximo ano do 0.36 e 0.40 por cento respectivamente ata o 0.45 por cento en ambos casos. O Concello cobrará 508.000 euros en impostos directos aos veciños”. Só coas taxas de servizo de abastecemento de auga, recollida do lixo e servizos asistenciais -axuda no fogar-, prevé recadar 293.000 euros”.

Riveira destaca,  a este respecto, que “a Xunta de Galicia incrementa en 64.000 euros a súa aportación para o SAF ata alcanzar os 545.500 euros no 2022 que servirán para estender o servizo a máis fogares e incrementar o número de horas nos que xa o teñen. É unha cifra moi importante, comparada coa totalidade do orzamento do concello de Xermade que ascende a preto de 1,9 millóns de euros”, di.

GASTOS

O voceiro sinala, en relación ao capítulo de gastos, que “se eleva o gasto de persoal ata os 417.000 euros” porque o goberno prevé a creación de tres prazas de administrativo por promoción interna -a pesar da recente aprobación da RPT- e o incremento do horario do técnico de urbanismo ou obras. Con todo, os populares amosaron a súa preocupación pola organización do traballo a nivel municipal dado que “o traballo de proxectos, direccións de obra e estudios técnicos non deixa tempo e impide levar con razoable axilidade os licencias de obras, comunicación previas e informes solicitados polos veciños”.

Sobre a partida de bens correntes e servizos, 1.319.000 euros de gastos, Riveira considera que “se incrementan de forma significativa debido aos gastos de gas-oíl, seguros, reparación de maquinaria que supoñen un saco sen fondo e poñen en dubida a boa xestión do goberno local e a viabilidade destes servizos”.