Skip to main content
Comarca AMARIÑAXACultura AMARIÑAXA

A Mariña, seis fervenzas para relaxar a mente e respirar

Por 26 Decembro, 2021Decembro 18th, 2023Sin comentarios

A Mariña conta con varios saltos de auga de gran fermosura e moi visitados por turistas e veciños como lugar de descanso

Por Ana Somoza López.

A Mariña conta con varias e fermosas fervenzas que farán desfrutar da natureza aos seus visitantes. Estas caídas ou saltos de auga sorprenden polos seus paraxes naturais nos que se pode respirar aire fresco, relaxar o corpor co murmurio da auga e gozar de momentos de paz.

POZO DA FERIDA. Un enclave natural pouco concorrido á vez que fermoso, situado entre os municipios de Xove e Viveiro. Aquí, unha bonita fervenza desemboca nunha poza circular que conta coa súa propia lenda. A historia conta como unha muller cae nela cun feixe de vexetais para facer esterco, xustificando así a particular cor das súas augas.

Chegarás a través da estrada de Viveiro a Mondoñedo collendo un desvío a Valcarría, ou ben camiñando dende a Casa do Batán, seguindo o curso do río Loureiro.

FERVENZA DO RÍO XESTOSA. No camiño entre Muras e Ourol, atópase este recuncho no medio da natureza onde unha caudalosa fervenza de 20 metros de caída fai deste un precioso lugar. Non destaca tanto pola súa altura senón pola súa beleza. Pérdete nesta paraxe para contemplar e gozar do son das augas caendo.

FERVENZA DO ESCOURIDAL. Dividindo os concellos de Alfoz e O Valadouro, atópase esta preciosa fervenza considerada como a máis alta de Galicia. Para chegar ata ela, poderás realizar unha ruta moi sinxela e ben sinalizada, perfecta para gozala en familia (por Alfoz).

Este enclave é fermoso e máxico. Unha vez alí, poderedes continuar o carreiro tamén adaptado para chegar ao cume desta fervenza e así poder apreciar a súa impoñente caída. 80 metros entre saltos de auga e tobogáns que conforman unha imaxe belísima e única.

POZO DA ONZA. Un percorrido perfecto, mesmo para facela con nenos, é a que conduce ao Pozo da Onza no Valadouro. Para chegar, partindo dende Ferreira cóllese a estrada vella de Burela e, antes de chegar a Budián, un indicador mostrarache como chegar a este carreiro.

Atravesando este sinxelo percorrido por un ascenso de escalinatas polo bosque, chegamos ao Pozo da Onza. Un remanso de paz no que se alza unha magnífica fervenza de case 15 metros de altura, que na súa base forma un pequeno lago ou poza entre o frondoso bosque de Budián.

FERVENZA SALTO DO CORO. Este enclave natural, agochado tras a localidade de Mondoñedo, é perfecto para completar a túa visita a esta histórica vila. Partindo do barrio dos Muíños, ao continuar pola estrada de Argomoso, poderás realizar este sinxelo percorrido que te levará á fervenza.

Camiñando polo bosque e acompañado polo son do río, accederás á bonita Fervenza de Salto do Coro na cima dunhas escaleiras de pedra. Trátase dunha paraxe idílica rodeada de vexetación, perfecta para gozar da natureza.

SALTO DE SAN ESTEVO DO ERMO.

En Barreiros non podes perder esta máxica ruta. A través dun precioso bosque de eucaliptos, chegarás á Ermida de Santo Estevo, tamén chamada de Augas Santas, xa que aquí se atopan dúas fontes de augas mineiro-medicinais das que se cría no seu poder curativo.

Tras visitar a capela, un carreiro que discorre a través do bosque autóctono conducirate á parte alta da Fervenza de San  Estevo  do  Ermo. Un espectáculo natural marabilloso onde o río San Esteban se precipita dende un pouco máis de 15 metros en caída sobre a rocha.

Despois de visitar a fervenza, se se dispón de tempo, merece a pena alcanzar o Miradoiro de  Penabor, que ofrece unha panorámica única da Mariña Lucense.

Se es amante do turismo slow, do sendeirismo e de descubrir os recunchos que esconde a natureza, non dubides en coñecer as fervenzas da Mariña Lucense. Son enclaves de gran beleza para gozar de percorridos cheos de paz e tranquilidade.