Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAMar AMARIÑAXA

O socialistas piden á Xunta implantar na Mariña ciclos formativos de patróns de litoral e mecánicos navais

Por 16 Decembro, 2021Sin comentarios

O Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, por iniciativa da súa deputada e do seu deputado, Patricia Otero Rodríguez e Julio Torrado Quintela,presentará unha proposición non de lei para reclamarlle á Xunta que implante na Mariña ciclos formativos de patróns de litoral e mecánicos navais.

“A Mariña lucense conta con dúas das principais lonxas europeas: Burela e Celeiro, xuntas moven case o 26 % da facturación e o 23 % dos peixes e mariscos frescos de Galicia. As cifras falan por si soas: 423 millóns de quilos e 1.258 millóns de euros nos últimos 10 anos”, din os deputados socialistas.

“A pesar destas cifras nesta comarca non se poden formar patróns de litoral e outros mecánicos navais. Os traballadores da Mariña lucense teñen que se desprazar para facer esta formación a outras comarcas cos inconvenientes e dificultades que isto implica, xa que A Mariña de Lugo é a única gran área pesqueira do noroeste español sen ensinanzas náutico-pesqueiras”, engaden.

Polo anteriormente exposto “é necesario que estas ensinanzas se realicen na Mariña. Dende Celeiro o propio sector reclama que para o vindeiro curso en Viveiro se imparta o ciclo medio de FP que forme patróns de litoral e outros mecánicos navais. Persoal titulado que tanto precisan as frotas de Celeiro e de Burela, xa que faltan mandos para o seus barcos. Situación esta que se podería ver agravada aínda máis nos vindeiros anos polas inminentes xubilacións”, din os socialistas.

Pola súa banda, o deputado do Grupo Popular José Manuel Balseiro demandou no Parlamento galego que a Xunta elabore e desenvolva, da man do sector, a planificación da formación náutico-pesqueira para a Mariña lucense, no que se contemple a emisión de certificados de profesionalidade marítimo-pesqueira e a organización de cursos para a adquisición e revalidación de competencias necesarias. Así mesmo, avogou por analizar a demanda existente para a implantación nos centros da Mariña de ciclos de formación náutico-pesqueira e da FP-dual, como a que xa está a funcionar en Galicia nesta especialidade.

Balseiro afirmou que “a formación é un dos grandes aspectos que a frota e as súas tripulacións demandan para seguir mantendo unha actividade competitiva”, pero incidiu que “o relevante á que o deseño destas accións formativas se realice da man do sector, os verdadeiros coñecedores directos da demanda, ata o punto de poder ofrecer en cada momento unha formación case á carta”.