Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

Aprobado o acordo de Alcoa de parar as cubas durante dous anos

Por 29 Decembro, 2021Sin comentarios

Despois dunha intensa xornada de votación na que participaron 808 traballadores dos 1.063 censados da factoría cervense de Alcoa, o resultado foi aceptar a proposta da directiva da empresa estadounidense na que se compromete a traballar con 8 subministradores de enerxía cos que xa está en contacto para acadar acordos a medio e largo prazo (PPAs), que entrarían en vigor a partir do ano 2024 e terían unha vixencia a 10 anos.

Este resultado foi comunicado polo comité de empresa na medianoite despois de contar todos os votos e no que 563 foron a favor da proposta, 196 en contra, 40 en branco e 9 nulos.

No tocante á votación nas empresas contratistas, que podía exercer o seu dereito, o resultado foi ao revés, 105 votos en contra, 54 a favor, e 21 en branco.

Tras este resultado iniciarase o proceso de cese de produción de aluminio primario e posterior arranque.

Tamén crearase unha mesa de seguimento do acordo e dos investimentos pactados que estará formada polo comité de empresa, dous membros por sindicato, a Xunta de Galicia e o Goberno central, e que se reunirá con frecuencia mensual os seis primeiros meses e de maneira trimestral pasado medio ano.

En canto aos plans para 2022 e 2023, a estadounidense ofrece garantía de facturación para as auxiliares durante os dous primeiros anos, con contratos garantidos en tres anualidades para aquelas empresas externas directamente afectadas polo cesamento temporal.

Outro dos compromisos ten que ver coa preferencia de contratación por parte de Alcoa para as empresas de subministracións e transportistas locais.

Con respecto aos investimentos previstos para os dous primeiros anos, Alcoa prevé 42 millóns de euros para transporte e carga, mudar a gas e reconstrución do forno de cocción para ánodo grande; 6 millóns de euros para un transformador novo (TRG) con axustador de tensión, deseñado para 200.000 amperios; así como a adquisición dun forno de homoxeneizado, e de barras de compensación magnética, por un importe de 12 millóns.

Entre outros gastos previstos figuran outros 5 millóns de euros para a instalación de catro novas mesas de colada para a fabricación de tochos de aluminio.

Por outra banda, a empresa estadounidense comprométese a efectuar un depósito bancario por importe de 103 millóns de euros, resultado da suma dos investimentos comprometidos e custo do rearranque das instalacións, ao dispor de Aluminio Español S.L. e cuxa xestión sería compartida co comité de empresa, baixo a fiscalización das administracións.

Segundo a proposta, con carácter mensual iríanse liberando os importes xustificados dos investimentos que se fosen executando, sempre co consentimento do comité, quedando o restante ao disposición dun terceiro en caso de incumprimento.

Pola outra banda, os traballadores tiñan que aceptar o cesamento temporal con parada programada da actividade durante dous anos en Electrolisis e Eléctrodos a partir do 1 de xaneiro de 2022, con finalización do proceso en tres semanas.

O rearranque ao 100 %, que actualmente está no 85 %, da actividade produciríase a partir do 1 de xaneiro de 2024, cunha estimación de 6 meses para o reinicio da actividade e unha reserva de 35 millóns de euros para realizar as operacións necesarias.

Tamén seguirá a actividade en Fundición e na Planta de Alúmina, para o que a compañía facilitou o plan comercial durante estes anos, a razón de 65.000 toneladas anuais de tocho e previsión de venda de 25.000 toneladas anuais de placa de aluminio.

Outro punto importante da proposta é o compromiso de que non realizará ningún tipo de despedimento colectivo durante catro anos e ata o 31 de decembro de 2025, ademais de ver positivo un novo convenio colectivo con vixencia de seis anos.

GOBERNO

O delegado do Goberno, José Miñones, celebra o acordo maioritario dos traballadores de Alcoa para traballar no futuro da pranta de San Cibrao. José Miñones valorou así, esta mañá, o respaldo dado polo persoal de Alcoa á sinatura do acordo negociado coa empresa.

José Miñones anunciou que a Ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, viaxará mañá, xoves, a Galicia para reforzar o compromiso do Goberno co futuro de Alcoa e a comarca da Mariña.

“Un compromiso co emprego e a actividade industrial desta comarca lucense que sempre mantivo o Goberno”, destacou o delegado, quen agradeceu expresamente a total implicación da Ministra de Industria, Comercio e Turismo e as súas numerosas xestións para salvar os postos de traballo e a continuidade da empresa en San Cibrao.

Miñones indicou que a ratificación do acordo pola plantilla de Alcoa “é a liña que nos permite seguir traballando polo futuro da Mariña” e adiantou que “desde o Goberno manterémonos atentos ao cumprimento das garantías do acordo”.

MANCOMUNIDADE

O presidente da Mancomunidade da Mariña e alcalde de Foz, Fran Cajoto, quixo expresar o seu firme apoio ás traballadoras e traballadores de Alcoa San Cibrao: “son momentos ben complicados, pero unha solución votada polos traballadores vai ser sempre a mellor. Creo firmemente que a opción elixida é a mellor no escenario actual: hai que facer un seguimento exhaustivo para que a firma cumpra o pactado e a fábrica continúe a producir aluminio nas vindeiras décadas. A multinacional deixou mostras evidentes de que non tiña intención ningunha de vender a factoría e as administracións autonómica e central deben velar porque Alcoa cumpra os novos compromisos e se non é así que se ateña ás consecuencias”.

Fran Cajoto valora positivamente a vontade dos traballadores expresada co seu voto: “houbo un apoio maioritario ao si cun 70 por cento dos votos dos traballadores de Alcoa, e un 63% de votos favorables contabilizando tamén ás empresas contratistas. Hai un hastío xeneralizado cunha situación que se prolonga no tempo, as familias non poden vivir nunha incerteza permanente”.

O presidente da Mancomunidade continúa manifestando que “os momentos de crise son tamén de inflexión. Estamos a sufrir unha grave crise industrial e os pasos que se están tomando verán os froitos no futuro máis inmediato. O aposta pola industria na comarca pasa porque o gran motor da Mariña -Alcoa- continúe a producir, cun prezo de enerxía estable froito dos acordos con produtores de renovables: era posible tal e como se trasladaba no verán do ano 2020 e fíxose realidade, aínda que de forma maliciosa sobre a bucina. E debemos seguir presionando a Vestas para que venda a súa planta a un terceiro que si queira seguir a fabricar aeroxeradores en Viveiro, unha actividade rendible. E debemos esixir que a planta de fibra téxtil de Altri se instale na comarca da Mariña; e para iso fai falla compromiso político”.