Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

A Xunta demanda un compromiso claro por parte do Goberno e de Alcoa

Por 30 Decembro, 2021Sin comentarios

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, subliñou hoxe que Galicia e A Mariña precisan un compromiso claro por parte do Goberno e de Alcoa para que se reactive canto antes a planta de San Cibrao, porque esa ten que ser a máxima prioridade: “Se é en 2022, mellor que en 2024”. 

Así o manifestou nunha xuntanza que tivo lugar esta mañá en Santiago de Compostela, na que tamén participou a ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, a propia empresa e representantes dos traballadores, para avaliar a situación que ten por diante a factoría de Alcoa na Mariña.

Conde asegurou que esta reunión deixa unha imaxe para a reflexión, porque é “unha mala noticia” que a única planta en España que produce aluminio primario pare a súa produción; “algo que nin traballadores nin Xunta queremos”, dixo, e que atribuíu á incapacidade do Goberno central para fixar un prezo eléctrico competitivo que garanta o futuro de Alcoa San Cibrao. 

Aínda que o acordo adoptado entre empresa e traballadores recolle iniciativas concretas en materia de investimentos na factoría e no ámbito laboral, o vicepresidente económico lembrou que a nivel enerxético “non xera confianza” e o único que fai é “pospoñer a solución”, que non é definitiva.

Por todo iso, a Xunta considera necesario que o Goberno se sente con Alcoa para xestionar unha PPA e as medidas adicionais precisas para contar cun prezo eléctrico competitivo e poder reactivar a planta. E, para iso, outra das prioridades debe ser que, a partir de agora, en todas as reunións estea presente o Ministerio para a Transición Ecolóxica. En primeiro lugar, por ser responsable de establecer un marco regulatorio que poida acompañar as necesidades da industria electrointensiva. E, en segundo lugar, apuntou Conde, porque gran parte dos parque eólicos que poderían dar cobertura enerxética a Alcoa son parques que terán que ser tramitados necesariamente polo Goberno por ser de máis de 50MW. 

UN PREZO ELÉCTRICO COMPETITIVO

Conde insistiu nos custos que está a ter actualmente  a política enerxética do Executivo central, que está a poñer en risco determinados sectores da industria galega e que leva ao peche a empresas concretas como Alcoa ou Vestas, que hai dous anos operaban con normalidade, lembrou. “Entendemos que o Goberno debe rectificar a política enerxética e, sobre todo, debe garantir que esa política enerxética pode acompañar as necesidades da industria”, asegurou. 

“Na medida en que estamos ante unha crise enerxética cun prezo eléctrico absolutamente descompensado con respecto aos nosos principais competidores, o mellor plan industrial que pode ter A Mariña é que o Goberno fixe un prezo eléctrico competitivo e traslade ás empresas que poden competir en igualdade de condicións que o resto de países de europeos”, abondou.

“Hoxe toca deixar atrás esa confrontación entre o Goberno e Alcoa”, recoñeceu, para apelar a “non caer na autocompracencia” porque “non hai nada feito”, polo que ratificou que a Xunta vai seguir traballando con espírito construtivo, ao lado dos traballadores e achegando os apoios necesarios.

BNG

O BNG vén de analizar e valorar a nova situación en Alcoa e na comarca despois de que o resultado do referéndun fose favorable á proposta da multinacional. Os nacionalistas manifestan unha vez mais o seu apoio  ás traballadoras e traballadores da fábrica e das empresas auxiliares,  aos que lles tocou vivir unha situación durísima tendo que asumir a responsabilidade de decidir eles sós non só o futuro da factoría de San Cibrao, senón o futuro de toda unha comarca, ao ignoraren o Estado e a Xunta esta petición unánime do conxunto da sociedade mariñá.

“As posturas do Psoe e do PP e dos gobernos que sustentan, desoíndo o clamor mariñao pola intervención da factoría de San Cibrao son a causa desta situación de incerteza para a comarca á que unha vez mais o Estado e Xunta deixan abandonada” afirmou o deputado mariñao no Parlamento de Galiza, Daniel Castro.

En términos semellantes pronunciouse o responsable comarcal da organización, Antonio Veiga, amosando a disposición do BNG para continuar no traballo e na loita diaria para reverter esta situación preocupante e de incerteza que se vén enriba do tecido económico e industrial da Mariña, “porque os dereitos e as conquistas sociais son sempre fruto das mobilizacións sociais, nunca da paz social, e moito menos se esta vén auspiciada polas multinacionais, ás que nada lles importa a situación da nosa comarca e das nosas pequenas empresas, só lles importan os seus intereses”, afirmou.

Desde o BNG consideran que tanto o Goberno do Estado (Psoe-UP) coma o PP na Xunta foron e son os cómplices necesarios deses intereses das multinacionais, non só no caso de Alcoa senón tamén no caso de Vestas.

O BNG insiste na necesidade dun Plan de Reactivación Económica para A Mariña con compromisos firmes e no que tenen que implicarse conxuntamente Goberno Central e Xunta e no que se inclúa un Plan de Inversión en Infraestruturas xerais  e estratéxicas, xeradoras de emprego (transporte, autovía, vía de alta capacidade, solo industrial,  medio ambiente….) e que evite o desequilibrio territorial consecuencia de anos de desigualdade que sufre A Mariña a respecto doutros territorios. Unha comarca a nosa donde os investimentos da Xunta e do Estado nunca foron directamente proporcionais aos nosos recursos, ás nosas  potencialidades e ao noso traballo.