Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca TERRACHÁXADeportes AMARIÑAXADeportes LUGOXADeportes TERRACHÁXA

Troitas Bravas faise o podio no Aberto do Galo de Ribadeo de billarda

Por 21 Decembro, 2021Sin comentarios

Por mor da auga que anegou o campo de Outeiro na Devesa, a cuarta xornada da LNB NorLeste tivo que adiarse unha semana.

Así pois o XIV Aberto do Galo celebrouse o domingo 19 aproveitando que o tempo deu un pouco de respiro con un día de sol espléndido.

Malia que o troque de data sempre trae algunha complicación, a participación foi boa acadando un total de 68 palanadores (49 homes, 16 donas e 3 cativos).

O ter catro campos de xogo simultaneos, a xornada fuxiu a fume de carozo. Cando nos dimos conta xa tiñamos acabado e malia que xa non había auga no campo os Troitas Bravas nadaron máis bravas ca nunca e gañaron con 82 puntos por diante de Billardeiros Musicais (81) e de Chainzos Cadaval (74).

Por outra banda, tiveron que loitalo duramente pois o nivel dos palanadores cada volta e máis alto e un golpe mellor ou peor dado pode chimparte o podio ou deixarte a velas vir.

Tanto é así que os catro mellores da xornada só se distanciaron nun punto. Dous con 23 e outros dous con 22.

Javier (Chainzos-Cadaval) gañoulle a Toño (Troitas Bravas) as dúas carreiras polo primeiro posto e Basilio (Billardeiros Musicais) a súa vez tamén gañou as dúas carreiras a Gándara (Filloas de Sangue) acadando o terceiro posto.

En donas Aroa e Geni (Bill. Musicais) deixaron como terceira a Vivi (Chainzos-Cadval) e en infantís repetiu Aroa por diante do seu compañeiro Xoel e de Roi (Troitas Bravas).

Os poderosos brazos de Charli, Sachas, Basilio, Bonxe, Félix, entre outros, zouparon con forza nas billardas, mais como era de esperar non houbo varados. Non é doado facer un tiro directo a 50 metros en campo de herba e co chan algo blando aínda por efecto da xeada.

Remataron coa entrega de agasallos. Para o campión foron o galo (desta volta non cantou xa que trocou en figuriña en loza) e un lote de productos de Nadal. O segundo e terceiro así como o equipo da xornada, recibiron tamén sendos lotes surtidos de productos do Nadal.

A liga regular retómase en xaneiro co Aberto da Pita de Mos en Castro de Ribeiras de Lea.

CLASIFICACIÓN:

Individual: 

  • Sachas (Troitas Bravas) 80 p.
  • David Navallo (Troitas Bravas) 78 p.
  • Félix (Billardeiros Musicais) 77 p.
  • Regueiro (Troitas Bravas) 75 p.
  • Manu Pozo (Bill. Musicais) 74 p.

Donas:

  • Aroa (Billardeiros Musicais) 55 p.
  • Geni (Billardeiros Musicais) 40 p.
  • Paula (Chainzos-Cadaval) 38 p.

Equipos:

  • Troitas Bravas (A Pontenova) 312 p.
  • Billardeiros Musicais (Ribadeo) 301 p.
  • Chainzos-Cadaval (Castro de Rei) 299 p.