Skip to main content
Deportes AMARIÑAXAViveiro

Viveiro ultima os preparativos da Carreira San Silvestre

Por 28 Decembro, 2021Sin comentarios

O Concello de Viveiro acolleu hoxe a presentación da Carreira San Silvestre 2021, que se celebrará o venres 31 de decembro, saíndo as 16:00 horas os nenos e ás 17:00 horas os adultos dende a praza Maior. 

A carreira está organizada polo Concello de Viveiro e o CD Egovarros. Na presentación estiveron a alcaldesa, María Loureiro, o concelleiro de Deportes, César Iglesias, e representantes do CD Egovarros e da Asociación Gadoupas.

A carreira de nenos consistirá nun percorrido arredor do casco histórico e, no caso de adultos, terá unha duración aproximada de catro quilómetros e o percorrido será polo paseo marítimo (ida e volta).

É unha proba non competitiva, na que se deberán respectar todas as medidas e protocolos Covid-19, e será unha carreira solidaria coa Asociación Protectora de animais Gadoupas Viveiro. Recolleranse donativos en metálico e comida para os animais.

A Asociación Gadoupas quere tamén facer constar o seu agradecemento por contar con eles para este evento, indicando que non están pasando por un bo momento na asociación e que toda axuda lles vén moi ben. 

Piden aos veciños e veciñas que sexan responsables no nadal regalando animais, “que en moitas ocasións acaban sendo recollidos no verán polas propias protectoras”, explicou Esperanza Fresneda, tesoreira da asociación, que estivo na presentación da carreira.

Esta proba deportiva dará comezo coas carreiras de categorías de menores, para despois ás 17.00 comezar a carreira absoluta de 4 quilómetros.

A saída e a meta estará situada na praza Maior, e as inscricións poderán facerse ata o 29 no email egovarros@gmail.com ou no teléfono 982 59 81 60.

Os nenos participantes recibirán unha medalla conmemorativa da carreira e na absoluta haberá un sorteo de regalos ao remate. Ademais recolleranse donativos en metálico e comida para os animais.