Skip to main content
Mondoñedo

A Catedral de Mondoñedo rehabilitarase cunha achega de 6,5M€

Por 27 Decembro, 2021Sin comentarios

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, visitou a Catedral de Mondoñedo onde se referiu aos avances que a Xunta está realizando para rehabilitar o templo cun investimento de 6,5M€. En concreto, nestes momentos estase actuando no mural do presbiterio e nas pinturas murais, coa intención de rematen o vindeiro verán. Son as primeiras actuacións do Plan Catedrais 2021-2027 que a Xunta ten en marcha nos grandes templos catedralicios galegos para que afronten a década xacobea nas mellores condicións.

O titular de Cultura sinalou que o investimento previsto en Mondoñedo fará posible “reforzar e revalorizar” o papel deste templo, “unha das xoias do Camiño do Norte,  incluída, como a de Lugo, na declaración de Patrimonio Mundial da Unesco de 2015”. Neste sentido, recordou que a Xunta tomou como punto de partida a restauración da Catedral de Santiago co obxectivo de blindar a conservación do resto das catedrais. “Foi un éxito colectivo ao que damos continuidade en toda Galicia con traballos que requiren que todas as administracións implicadas traballemos sumando vontades e esforzos”, afirmou. 

No caso do presbiterio e murais da Catedral de Mondoñedo, sinalou que se trata da primeira dunha decena de actuacións que se desenvolverán ao longo dos vindeiros anos. Trátase de melloras que contan cun investimento de máis de 255.000€ de especial relevancia xa que os restos murais conservados contan cun gran valor.

Ademais destas actuacións, entre as que se porán en marcha ao abeiro do Plan Catedrais destacan a limpeza e consolidación das torres, a rehabilitación integral da parte sen uso do Pazo Episcopal para ampliar o museo ou a resolución das humidades que afectan a diferentes puntos do templo. Así mesmo dotarase ao conxunto catedralicio dun novo proxecto museográfico e restauraranse bens artísticos como os órganos.

CONVENIO COA DIOCESE

Para continuar avanzando na posta en valor do patrimonio da provincia, o conselleiro  e o novo bispo de Mondoñedo-Ferrol, Fernando García Cadiñanos, asinaron hoxe un convenio para promover a restauración da igrexa do mosteiro de San Salvador en Vilanova, Lourenzá, así como para a restauración do conxunto mural da nave central da igrexa de Vilares de Parga en Guitiriz, ambas cun investimento superior aos 400.000€.

No caso da igrexa do mosteiro de San Salvador intervirase na lanterna do cruceiro, que inclúe a desmontaxe e posterior montaxe do cupulino, a reparación de danos estruturais nas fábricas de cantería da nave lateral sur. Eliminaranse tamén filtracións de auga de chuvia a través da cuberta das naves laterais e se actualizará a instalación eléctrica.

No que se refire á igrexa de Vilares de Parga, en Guitiriz, as actuacións irán encamiñadas a restaurar o conxunto mural da nave central. Entre outras actuacións, limparase a superficie para devolverlle ao conxunto mural a uniformidade perdida.