Skip to main content
Ribadeo

Aprobados os orzamentos de Ribadeo por preto de 10 millóns de euros

Por 17 Decembro, 2021Decembro 18th, 2021Sin comentarios

No pleno extraordinario celebrado onte no Concello de Ribadeo foron aprobados os orzamentos de 2022 que ascenden a case 10 millóns de euros. O concelleiro de Economía, Pablo Vizoso, subliñou que contemplan un elevado nivel de actividades e inversións sen subir impostos nin taxas e sen incrementar a débeda.

O edil ribadense dixo que “na tarde de onte celebrouse o pleno extraordinario no Concello de Ribadeo no que se aprobaron os orzamentos para o vindeiro ano 2022. Trátase duns orzamentos que ascenden a case 10.000.000 de euros para manter e mellorar o elevado nivel de actividades e de inversións no noso concello: dende reposición de rúas e camiños, saneamentos, investimentos en instalacións deportivas e en locais sociais, melloras enerxéticas, adquisición de terreos, apoio a asociacións de carácter cultural, deportivo ou asistencial, medidas e actividades de apoio ao comercio local e actuacións de protección social, que benefician a todo o pobo de Ribadeo. Tamén inclúen, por suposto, a subida salarial do persoal público e unha aposta moi forte pola inversión, xa que tendo en conta  o proxectado para o ano 2022 para obras ou equipamentos e máis o que se está licitando nestas semanas para iniciar a súa execución dende primeiros do vindeiro ano, como é a senda ciclable ou as pistas multideporte,   suman xa máis de 2.000.000 de euros nesta partida”. 

Pablo Vizoso sinalou que “outra característica dos orzamentos é que se consegue chegar a estas magnitudes sen subir os impostos nin as taxas e sen incrementar o nivel de débeda do Concello, que nada ten que ver coa existente hai algúns anos e que condicionaban o seu día a día”.

O concelleiro de Economía contou que “por parte da oposición, concretamente o voceiro do PP, cualificou estes orzamentos de continuistas; e teño que dicirlle que é certo que o son, porque con moito orgullo continuamos incrementando a inversión, as actividades e continuamos apoiando ao tecido asociativo e comercial e atendendo e preocupándonos do ámbito social e asistencial. Do mesmo xeito foi necesario lembrarlle que, sobre a inversión no hospital asilo, o Concello mantén reservados exclusivamente para este fin os fondos da herdanza do doutor Moreda así como outros posibles recursos para atender esta importante reforma e adaptación do edificio e que é precisamente nos orzamentos da Xunta onde non figura nin un só euro para esta actuación a pesares de que se trata dunha competencia exclusivamente autonómica”.

Vizoso Galdo engadiu que “de forma semellante, sobre o anuncio dun centro de saúde para Ribadeo respondémoslle que os orzamentos recollen necesaria e obrigatoriamente inversións certas, precisas e comprometidas e non simplemente ideas. E que xa hai máis dun mes que lle trasladamos á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia a disposición plena do Concello de Ribadeo para traballar conxuntamente neste obxectivo e que seguimos á espera da súa reposta para poder analizar e determinar a mellor maneira de aportar os recursos do Concello aínda que, por desgraza, outra vez máis onde non se ven fondos consignados é nos orzamentos da Xunta, que precisamente é a que ten a obriga da prestación sanitaria. Mentres tanto, en representación do pobo de Ribadeo, esiximos que se dote ao actual centro de saúde dos profesionais sanitarios e dos medios técnicos que todas e todos nos merecemos e aos que temos dereito”.