Skip to main content
Axenda Caducada

Emma Pedreira presenta en Vilalba o seu novo libro

Por 13 Decembro, 2021Decembro 18th, 2021Sin comentarios

O vindeiro sábado 18 de decembro, ás 13:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, terá lugar a presentación do libro de Emma Pedreira Os libros que hai en mín, nun acto organizado polo Iescha, a editorial Cuarto de Inverno e o Concello de Vilalba.

Intervirán na presentación Marisa Barreiro, presidenta do Iescha; Pilar Maseda, escritora, e Emma Pedreira, autora do libro.

“Cando unha pensa que un día sen ler é un día perdido, o fai en calquera parte e o comparte nas redes sociais, corre o risco de que 1nas editoras atentas e curiosas lle pidan algo así como unha biografía bibliográfica. Un ensaio que percorra a vida dunha bibliópata desde a infancia ata os, poñamos por caso, corenta anos; desde que odiaba ler ata chegar ao punto de desexar non parar de facelo, no que conte as súas vivencias arredor desas obras que supuxeron un antes e un despois. Un texto cheo de humor, amor, anécdotas, digresións e libros”, define a autora como sipnose.

Emma Pedreira (A Coruña, 1978). Poeta e narradora. Como poeta ten publicado dez títulos ente os que destacan O Libro das mentiras, Antídoto ou As voces ágrafas. O seu poema Lista da compra da viúva foi considerado en 2017 o Mellor Poema do Mundo. Foi musicado polo músico Xoao Berlai no seu último traballo, Cas Berlai. Outros poemas seus como É importante falar baixiño agora ou Castelo de Mentiras foron versionados e musicados pola música e poeta asturiana Ana Lamela ou Sapo de Lesbos polo grupo vigués Xardín Desordenado. Como narradora publicou Besta do seu sangue (Premio Xerais 2018 e Arzebispo San Clemente) ou Bibliópatas e fobólogos, que resultou Premio da Crítica Española en Lingua Galego no ano 2017. En 2019 publica a súa primeira obra para público xuvenil, Os corpos invisibles, coa que acadou o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e o premio da Gala do Libro Galego 2020 como mellor obra xuvenil.

En Baía Edicións ten publicada a novela As fauces feroces e é unha das autoras incluída na antoloxía de relatos Entre Donas. En 2021 publica, xunto coa ilustradora Laura Romero, o libro XelArias, palabra á intemperie, que visita, en clave de biografía poética a vida e obra de Xela Arias, poeta e tradutora á que se lle adican as Letras Galegas de 2021.

Como tradutora traduciu ao castelán a súa propia obra dentro do libro bilingüe galego-castelán Antídoto ou a tradución ao español de Corazón y demás tripas.

Como artista plástica fai pequenos libros de artista e collages, como os que ilustran o poemario a catro mans O Elo, xunto con Quico Valeiras ou creou portadas para libros, diarios e revistas, así como ilustracións interiores. Ademais, as súas obras poéticovisuais O fotográfo e As cicatrices son para a amante, combinan poesía e collage.

Entrada libre ata completar aforo, respetándose en todo caso as medidas sanitarias establecidas nese momento por mor da pandemia.