Skip to main content
Axenda Caducada

O primeiro Mercado de Nadal da Ribeira Sacra terá lugar en Taboada este sábado

Por 15 Decembro, 2021Decembro 18th, 2021Sin comentarios

A Asociación de Comerciantes e Industriais do Municipio de Taboada organiza esta fin de semana o primeiro Mercado de Nadal da Ribeira Sacra Petiscos de Nadal.

A cita terá lugar este sábado 18 de decembro na praza de Riazón. Este mercado de Nadal albergará máis dunha ducia de postos onde a artesanía e a gastronomía da zona serán os protagonistas principais. Entre os produtos que se porán á venta destacan o coiro, o viño, o mel, o aceite e as galletas.

Petiscos de Nadal xorde como unha oportunidade para dar a coñecer e promover os produtos e os artesáns da zona establecendo unha crecente sinerxía con outros concellos da Ribeira Sacra e os seus arredores.

Este mercado será unha oportunidade para os veciños de mercar como agasallo de Nadal un produto de calidade que axude a visualizar e poñer en valor o autóctono, xerando un efecto dinamizador no comercio de proximidade.

A xornada comezará ás 12.00 horas coa apertura dos postos, ás 12.30 continuará coa presencia de Arantxa Treus e Isabel Lozano que realizarán a mono-cata onde as risas e as características dos viños da Ribeira Sacra acompañarán aos asistentes. Pola tarde, de 15.30 a 18.30 Elías González ofrecerá durante máis de tres horas unha demostración en vivo do seu oficio milenario de olaría de Gundivós. Ao mesmo tempo, os nenos e nenas poderán desfrutar dun obradoiro infantil de repostería creativa que dará comezo ás 16.30 e, ás 17.30, un conto a cargo do contacontos Anxo Moure. Para dar fin a esta cita, os asistentes empaparanse da música tradicional galega a cargo de Airiños da Freba.