Skip to main content
Axenda Caducada

A Polafía de Burela será unha homenaxe ás Batuko Tabanka

Por 16 Decembro, 2021Decembro 17th, 2021Sin comentarios

O venres 17 de decembro a Sección de literatura de tradición oral da AELG propón asistir á Polafía de Burela. Homenaxe ás Batuko Tabanka. Mestras da Memoria en 2020.

Este será un encontro aberto en forma revista oral, no auditorio de Burela ás 19.00 horas, para escoitar as historias de tradición oral desta comarca, centrándose especialmente nesta edición nas Batuko Tabanka, que recibiran o Premio Mestras da Memoria de 2020. O que suceda nesta Polafía, como xa sucedeu en todas as anteriores, gravarase para ser incorporado ao arquivo oral da web AELG.

Contará coas intervencións de Batuko Tabanka, Banda Krioula, Acordeonistas da Mariña, Bernardo Penabade e Lois Pérez. A actividade está coordinada por Lois Pérez e Antonio Reigosa (vogais da Sección de Literatura de Tradición Oral).

As Polafías son un proxecto nacido en 2007 da man da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG e que, con coordinación de Lois Pérez e Antonio Reigosa, ten como obxectivo recuperar usos de creación musical e literaria de carácter popular, por medio dunha adaptación das antigas xuntanzas tradicionais (fiadas, polavilas, etc) aos tempos actuais, nos que os recursos técnicos permiten darlle un carácter estable e con garantía de futuro á creación espontánea dos asistentes.

A principal diferenza, en canto ao desenvolvemento, daquelas xuntanzas de antigo co desta nova proposta é que agora nos axudamos das novas tecnoloxías, desde os aparellos de gravación, que favorecen o arquivo e estudo do recompilado, ata o uso de internet, para conseguir unha ampla difusión deste patrimonio.

Esta edición conta co apoio da Área de Cultura da Deputación de Lugo e o Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO), e a colaboración do Concello de Burela.