Skip to main content
Axenda Caducada

A Apalpadora fai unha parada en Sarria este domingo

Por 25 Decembro, 2021Decembro 26th, 2021Sin comentarios

A Apalpadora pasará esta fin de semana polo concello de Sarria. As visitas forman parte da programación organizada pola área de Cultura co obxectivo de promover a presenza de tradicións propias na representación do Nadal, que inclúe 15 encontros nas distintas comarcas.

A cita terá lugar mañá domingo, 26 de decembro, no colexio de Louseiro, en Sarria, ás 16.30 horas.

A narradora Antía Vázquez, acompañada polo músico André Espiñeira, será a encargada de presentar as crianzas esta personaxe e as lendas que perviviron na memoria da xente do Courel e do oriente ourensán permitindo que, desde hai algo máis dunha década, asociacións e colectivos culturais popularizasen a súa figura.

O obxectivo desta campaña é o de promover a presenza de tradicións propias na representación do Nadal e ofrecer a nenas e nenos unha proposta de lecer en galego nestas datas.

O ESPECTÁCULO
A filla do coñecido Apalpador toma o relevo e baixará das montañas para encontrarse coas crianzas da provincia nun formato de contacontos musicado e interactivo onde se mesturan cantigas, lendas e dinámicas.

Estará acompañada polo seu irmán músico André, para mergullarse con cancións da súa misteriosa historia. Ademais, levará froitos que recolle durante todo o ano e agasallos fabricados por ela mesma para entregar aos nenos e nenas neste Nadal.